O GALP aproba 10 proxectos para impulsar o turismo sostible, a gastronomía e o equipamento do sector do mar no seu territorio
- A Consellería do Mar deu o visto bo ás iniciativas, que incluirán 6 de carácter produtivo e 4 non produtivas.
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur aproba un total de 10 proxectos para desenvolver o sector do mar nos 7 concellos que forman parte da agrupación. A Consellería do Mar acaba de dar o visto bo para comunicar aos promotores a axuda que van a recibir e comezar a levar a cabo as accións.
Iniciativas de mellora enerxética, de protección e coidado do medio ambiente, de inclusión, difusión e formación, así como de mellora de equipamento, son algunhas das propostas de proxecto que o GALP aprobou para este 2020. As accións están dirixidas a entidades ou persoas emprendedoras que se sitúan nos concellos que pertencen ao grupo: A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada. As accións clasifícanse nun total de 6 produtivas e 4 non produtivas.
Proxectos produtivos
Un dos obxectivos do GALP é mellorar o equipamento dos diferentes entes vencellados ao sector do mar no seu ámbito de actuación. Deste modo, realizaranse actuacións na lonxa da Coruña, que inclúen a mellora enerxética na sala de máquinas e a renovación das portas de acceso á lonxa. Tamén se instalará un forno industrial e crearase unha páxina web para a elaboración é venda de empanadas con produtos do mar en Horno San Isidro.
Así mesmo, neste apartado tamén se fai oco ao turismo, impulsando unha iniciativa de náutica sostible e accesible a través dunha embarcación de vela en Altavela Servicios Náuticos SL. Neste ámbito do mar tamén se atopa o proxecto titulado “La Espina, ocio mariño y deportes náuticos”, que desenvolverá Equiges Consultoría Integral S.I., e no que se fusionará turismo sostible e deporte.
O GALP tamén lle dá continuidade ao seu traballo en materia medioambiental co proxecto de valorización de plásticos con Recuperamos S.L., mediante o que se levará a cabo a reciclaxe de plásticos con novas técnicas que permiten aproveitar unha porcentaxe moito mais elevada.
Proxectos non produtivos
O GALP desenvolverá o segundo encontro gastronómico, turístico e de ocio Maridar II promovido pola Federación de Asociacións de Empresas As Mariñas. Este evento potenciará a ligazón entre mar e terra, aproveitando a riqueza dos produtos gastronómicos do territorio e vencellándoos co ocio e o turismo náutico.
Dentro deste apartado tamén se atopa o proxecto “turismo e náutica” cuxo promotor é Club Náutico de Sada. Así mesmo, mellorarase a infraestrutura do Club Náutico de Sada, con tarefas de renovacións nos pantaláns para poder acoller unha das etapas da Transgascogne, co que se conseguirá dar a coñecer a cultura e gastronomía do Golfo Ártabro.
Como podemos ver, o GALP incentivará o turismo nos seus proxectos non produtivos, co desenvolvemento e impulso de novas oportunidades turísticas para os produtos do mar e o litoral na Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ligándoas a un modelo de ecoturismo.
O turismo impulsado nas iniciativas estará adaptado ás medidas de seguridade necesarias para a prevención do COVID-19.
Comentarios
Publicar un comentario