O GALP inviste máis de 22.000 euros en proxectos de difusión cultural e de igualdade



  • O Golfo Ártabro Sur visibilizará ás Mulleres do Mar a través dun documental.
  • Á súa vez, dará a coñecer os tipos de seres vivos que habitan nas augas da contorna e as artes de pesca a empregar para capturalos a través dun vídeo con animacións e outros contidos audiovisuais.
  • Tamén impulsará unha acción que ten como finalidade dar a coñecer o sector pesqueiro e o seu funcionamento a persoas con diversidade funcional.
  • Finalmente, dará a coñecer o patrimonio material e inmaterial dos 7 concellos que forman o seu territorio a través dun roteiro teatralizado en formato dixital.
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur está a desenvolver catro proxectos de difusión dos dez que ten previstos ao longo desta anualidade. Con cada un deles perséguense diferentes obxectivos que teñen como finalidade común fortalecer o sector do mar no territorio do GALP. As iniciativas contarán cun investimento de 22.500 euros.

Unha das actuacións que se levarán a cabo será a creación dun documental que empodere e visibilice ás Mulleres do Mar na contorna e na súa asociación. Na peza audiovisual, búscase acompañalas nas súas diferentes tarefas co obxectivo de poñer en valor o seu traballo. A gravación adaptarase á situación actual xerada polo COVID-19 e realizarase en espazos abertos, minimizando o risco de contaxio.

Por outra banda, o GALP buscará impulsar a inclusión social e laboral das persoas con diversidade funcional na economía azul a través da difusión dun vídeo con animacións. Nel explicaranse as diferentes tipoloxías de seres vivos que habitan nas augas do territorio: peixe branco, peixe azul, cefalópodos, crustáceos ou vivalvos, entre outros. Tamén se repartirán pequenos recortables ou libros para que os mozos e mozas poidan enlazar os diferentes tipos ás artes de pesca que se utilizan para capturalos. Os materiais enviaranse aos centros de diversidade funcional cos que o GALP estivo ao colaborar ao longo destas anualidades.

A actividade "Un mar de ilusións", celebrada o ano pasado, achegou ás persoas con diversidade funcional ao mundo mariñeiro de Sada
Para coñecer o territorio do GALP, a agrupación emprega un roteiro teatralizado onde se amosará a cultura marítima material e inmaterial. Dentro deste proxecto organizarase un percorrido interactivo pola costa do GALP, comprendida polos concellos de: A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo Oleiros e Sada, onde se dará a coñecer os lugares máis singulares e os seus nomes. Para conseguilo realizarase unha serie de 10 ou 15 minutos cada episodio que se compartirá semanalmente. Os espectadores e espectadoras poderán coñecer nela a toponimia tradicional dos puntos máis empregados polos mariñeiros para orientarse no mar, así como pequenas cancións mariñeiras, poemas ou lendas vencelladas a cada unha desas localizacións, costumes, peculiaridades das zonas, tradicións, pero sen esquecer de todo o patrimonio que está nas nosas costas para o seu coñecemento e desfrute.

Roteiro teatralizado "Son do Mar" celebrado o ano pasado en Sada 
Para finalizar, crearanse diferentes contidos audiovisuais nos que se darán a coñecer as diferentes especies que habitan no mar e como capturalas con diferentes aparellos de pesca, incidindo nas técnicas tradicionais e máis respectuosas co medio ambiente, así como nas máis desempeñadas no Golfo Ártabro Sur. Estes contidos distribuiranse entre os institutos do territorio para que os rapaces poidan coñecer o mundo do mar, as especies e as técnicas para a pesca das mesmas, buscando o relevo xeracional tan importante para o sector. Tamén se realizará ao abeiro desta iniciativa un estudo sobre os peixes e mariscos máis importantes na zona e fomentarase o consumo deste tipo de produtos coa elaboración de receitas que nos expliquen como preparalos e consumilos.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024