O GALP impulsa o emprego inclusivo e a cultura mariñeira con tres proxectos de cooperación
- O Golfo Ártabro Sur participa, en
colaboración con outros GALP de Galicia, nas iniciativas Pasaporte REMA, Relevo
2020 e Tanza: inclusión social, sector pesqueiro, economía circular.
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur
desenvolverá neste 2020 tres proxectos
de cooperación xunto cos diferentes GALP de Galicia, que teñen como
principais obxectivos poñer en valor e difundir o patrimonio mariñeiro atlántico, formar á mocidade na busca dun relevo
xeracional no ámbito do mar e crear un ambiente de emprendemento inclusivo.
Os tres proxectos
desta condición nos que está a participar o GALP neste ano son o Pasaporte REMA -Rede de Espazos
Museísticos Atlánticos-, Relevo 2020
e Tanza: inclusión social, sector
pesqueiro, economía circular.
Pasaporte REMA
O proxecto Pasaporte
REMA, dentro da iniciativa Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA),
pretende dar a coñecer o mundo mariñeiro á xuventude e mocidade co obxectivo de
preservar a cultura e historia mariñeira
atlántica. Para conseguilo, estanse a deseñar actividades como un scape
room portátil con tecnoloxía de realidade aumentada que circulará polos
diferentes espazos museísticos do proxecto. Unha forma de achegar o mar á
poboación máis nova co uso das novas tecnoloxías.
Tamén se están
proxectando diferentes accións de promoción cultural, entre as que se atopan a
impresión de guías informativas, a
elaboración de cestas con artigos
artesanais mariñeiros para aquelas persoas que visiten os espazos e a
celebración dunha exposición itinerante
que transite por todos os GALP galegos.
Relevo 2020
A través desta
iniciativa, o GALP busca
profesionalizar o sector do mar e impulsar a innovación e a creación de emprego. Con este fin, organízanse formacións para a mocidade de 16 a 30
anos que se desenvolverán a partir de setembro deste ano. Con elas búscase capacitar
á xuventude a través de cursos para que se produza o necesario relevo xeracional no sector pesqueiro.
Relevo 2020 constitúe
un espazo de posta en común para a xuventude con inquedanzas, ideas e proxectos
para o eido pesqueiro e social. Unha forma de sensibilizar á mocidade na
importancia do sector para o desenvolvemento territorial.
No temario das
formacións figurarán apartados como “Coñecemento do sector pesqueiro”, “Deseño
da carreira profesional” ou “Recoñecemento de experiencias innovadoras”, entre
outros. Os docentes serán profesionais do ámbito das Ciencias Experimentais e
das Ciencias Sociais.
Na iniciativa
participan o GALP Golfo Ártabro Sur,
GALP A Mariña – Ortegal, GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Seo de Fisterra Ría de
Muros Noia Costa Sostible e GALP Ría de Arousa.
Tanza: inclusión social,
sector pesqueiro, economía circular
Co proxecto Tanza preténdese crear un
ámbito de emprendemento inclusivo no que fortalecer as sinerxías entre os Centros
Ocupacionais e Centros Especiais de Emprego e as entidades do sector
pesqueiro. Con esta actuación cooperativa crearanse novas oportunidades no
ámbito económico, produtivo e
social, que reforzarán
a inclusión de colectivos
vulnerables.
Desta forma, crearase
un tecido social e produtivo que facilite a integración das persoas con
discapacidade ou outros colectivos co obxectivo de que no futuro estes poidan
prestar servizos ás entidades do sector pesqueiro e outros axentes, fomentando
ademais nas súas tarefas a economía circular.
Os sectores económicos do mar e as entidades que
traballan a inclusión social permanecerán en contacto constante, fortalecendo
as relacións para crear posibles colaboracións.
Na proposta participan
o GALP Golfo Ártabro Sur, o GALP A
Mariña Ortegal, o GALP Golfo Ártabro Norte, GALP Costa da Morte, GALP Seo de
Fisterra Ría de Muros Noia Costa Sostible e o GALP Ría de Arousa.
Comentarios
Publicar un comentario