Os GALP de Galicia lideran a execución de proxectos en España e afrontan a pandemia cunha campaña única no Estado
Imaxe da campaña dos GALP galegos "Queda co noso mar" |
- Os GALP galegos concentraron en torno á
metade dos proxectos desenvolvidos por todos os grupos de España,
investindo máis de 25 millóns de euros desde o 2016.
- Os GALP tamén levaron a cabo unha campaña
única en toda España na crise do coronavirus, cuxo obxectivo era poñer en
valor aos traballadores e traballadoras do mar.
Os oito grupos de acción local do sector pesqueiro
(GALP) galegos demostraron ser esenciais á hora de repartir fondos, liderando a execución de presupostos.
Desde a Consellería do Mar sinalan que Galicia concentra en torno á metade dos proxectos e da execución realizada no
conxunto de España a través dos GALP, investindo máis de 25 millóns de
euros desde o 2016.
Á súa vez, cabe
destacar a actuación dos GALP galegos ante a crise do COVID-19 coa campaña conxunta “Queda na casa, queda co
noso mar”. Unha iniciativa única en España. Esta excepcional acción tivo
como obxectivo poñer en valor, como traballadores e traballadoras esenciais, ás
persoas que viven do mar e que durante a pandemia seguiron co seu labor para
abastecer á poboación.
Desde o comezo da
crise sanitaria o GALP Golfo Ártabro Sur comunicou a través das súas canles
toda a información sobre as medidas e precaucións a tomar ante o coronavirus para
que o sector do mar puidese traballar con seguridade, así como unha información
constante das axudas que os diferentes entes podían solicitar. Co confinamento
e o medo a saír de casa ou, en moitos casos, a imposibilidade de facelo, o GALP
púxose en contacto cos diferentes mercados co obxectivo de facilitar á
poboación a posibilidade de realizar pedidos a domicilio, recibindo nas casas
produtos frescos de proximidade e calidade.
O resultado desta
acción foi moi positivo, aumentando o consumo de peixe entre a poboación nova a
través da información proporcionada nas redes sociais do GALP, que ofrecían
tamén receitas. Deste xeito aumentaron os consumidores dos mercados.
Dentro da campaña tamén
se buscou dar voz ás persoas que traballan no mar para coñecer as consecuencias
que estaban a sufrir e o que precisaban para poder avanzar. Deste xeito,
contactouse con todos os patróns maiores das confrarías pertencentes ao GALP,
así como coas principais asociacións do sector, empresas transformadoras ou
praceiras, entre outros profesionais.
Comentarios
Publicar un comentario