O GALP desenvolverá proxectos de aforro enerxético e divulgación científica por valor de máis de 1 millón de euros
·
As accións para a posta en valor dos produtos do
mar ou o impulso da cultura mariñeira tamén forman parte dos 11 plans que o
Golfo Ártabro Sur porá en marcha.
A Consellería do Mar e
Desenvolvemento Pesqueiro aprobou os proxectos propostos polo Golfo Ártabro
Sur para a primeira convocatoria de 2019. Neste ano desenvolveranse 11
iniciativas, das cales 5 son produtivas e 6 non produtivas.
Todas elas terán un custo total de 1.408.468 euros.
As iniciativas inclúen
proxectos de mellora enerxética en diferentes instalacións do sector
pesqueiro, plans de divulgación científica, accións para a posta en
valor dos produtos do mar ou impulso da cultura mariñeira, entre
outras cousas.
Neste ano os proxectos non
produtivos (un total de 6), inclúen dous eventos de divulgación científica. Un
deles é o Open Science Cambre, un acto no que os alumnos de diferentes
escolas e clubs de ciencia poderán amosar os seus experimentos, algúns deles
relacionados co mar. Este proxecto busca que ciencia e diversión se fundan nun.
O territorio do Golfo Ártabro Sur acollerá o segundo proxecto de divulgación
científica, o Festival Mar de Mares. Este evento constará de concertos,
exposicións, encontros, proxeccións e outras moitas actividades.
Á súa vez os proxectos non
produtivos do Golfo Ártabro Sur incluirán a iniciativa “Empreamar:
Emprendemento mariño para o desenvolvemento sostible do Concello de Sada”,
que busca contribuir ao desenvolvemento local, social, económico e ambiental de
forma sostible no concello de Sada a partir da creación dun ecosistema de
emprendemento.
Neste tipo de proxectos tamén
hai un oco para a profesionalización no sector pesqueiro coa iniciativa “Actividade
formativa de confección e mantemento de artes e aparellos e obtención do
certificado de profesionalidade”, que pretende formar a 15 persoas na
fabricación de aparellos de pesca.
Por outra banda desenvolverase
a iniciativa “Maridar: 1º encontro sabor das mariñas”, que ten como
obxectivo promocionar as micro, pequenas e medianas empresas que ofrezan
produtos locais, tanto do mar como da terra.
O Golfo Ártabro Sur segue a
investir nas instalacións do sector pesqueiro, modernizándoas e adaptándoas.
Este ano levaranse a cabo 4 proxectos neste ámbito. Un deles será o de “Mellora
da capacidade dos servizos do porto de Lorbé para o interese da colectividade”,
que ten como obxectivo a optimización das operacións portuarias. Por outra
banda, realizarase a “Mellora tecnolóxica en instalación do circuíto de
cadea de frío da lonxa da Coruña”, un proxecto que instalará novos sistemas
de tubaxe de refrixeración. Outra iniciativa destacable é a de “Mellora
tecnolóxica en instalacións mecánicas da lonxa da Coruña”, que levará a
cabo diversas accións na sala de máquinas e equipamentos. Dentro deste ámbito
tamén se atopa o plan “Portas corredeiras da lonxa da Coruña”, que
instalará 20 portas que permitirán mellorar a climatización.
Gastronomía e Marca “Empanadas
do Mar”
A través dos proxectos “Mesón
mariñeiro A Bordo” e “Proxecto para a fabricación e
comercialización de empanadas do mar con produtos do Golfo Ártabro” o GALP
pretende impulsar e dar a coñecer a gastronomía mariña do seu territorio. Nesta
iniciativa crearanse tamén sinerxías cos produtores agrícolas da Reserva de
Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. “Mesón Mariñeiro A Bordo” ten
como finalidade abrir un local hostaleiro de temática mariñeira que poña en
valor os produtos locais do mar, a cultura mariñeira e a gastronomía de
calidade. Mentres que o proxecto de fabricación de empanadas rehabilitará un
local comercial e comprará a maquinaria necesaria para que neste se poidan
elaborar “Empanadas do mar”.
Comentarios
Publicar un comentario