O Golfo Ártabro Sur analizará en outubro a súa xestión e o cumprimento da EDLP
·
A través dunha avaliación
intermedia, analizarase a evolución e o cumprimento da Estratexia de
Desenvolvemento Local Participativo para corrixir posibles deficiencias.
·
Na análise intervirán órganos
sociais e órganos de participación.
Para o Grupo de Acción Local
do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur é de vital importancia
coñecer a evolución e o cumprimento da Estratexia de Desenvolvemento Local
Participativo (EDLP). Para iso dispón dun plan de seguimento e
avaliación que se divide en tres fases: inicial, avaliación intermedia e
final. En outubro terá lugar a avaliación intermedia, na que se tomarán
as medidas necesarias par adaptar o programa a cada un dos lugares que
conforman o territorio do GALP. Isto ben dado despois da primeira fase na que xa
se deseñou a estratexia a seguir a través da análise do territorio.
O proceso de avaliación
intermedia constitúe un periodo vital para realizar medidas correctoras que
adecúen a estratexia a seguir nas diferentes zonas do territorio costeiro.
Nesta avaliación analizaranse os parámetros económicos e financeiros,
que inclúen o grao de execución financeira, a eficacia e eficiencia e a
distribución do gasto, entre outros. Á súa vez, tamén se porá atención nas realizacións
físicas do programa, apartado no que se estudarán a tipoloxía de
iniciativas postas en marcha no territorio e a súa utilidade. Por outra banda,
analizaranse os procesos, vendo como evoluciona a execución e a
implementación do programa de axudas, o traballo de xestión do
GALP e as accións de animación.
Neste proceso de avaliación intervirán
órganos sociais e órganos de participación: mesas electorais, xunta
directiva, foro e asemblea. As mesas electorais realizarán un diagnóstico
do estado da situación e recomendacións, que serán elevados á Xunta Directiva.
Esta recompilará todos estes datos que enviará ao Foro, momento de apertura ao
conxunto dos axentes sociais do territorio. A Asemblea, na que participan todos
os socios do GALP, porá o punto final a este proceso coa valoración de todos os
resultados e a aprobación dos diferentes cambios que considere necesarios.
Comentarios
Publicar un comentario