O roteiro Son do Mar III en A Coruña un éxito de participación e memoria mariñeira


O pasado 21 de setembro celebrouse en A Coruña a terceira edición do roteiro teatralizado Son do Mar, organizado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur en contando coa representación teatral da asociación Alentía Teatro. Esta iniciativa mergullou aos asistentes na vida mariñeira da Coruña de mediados do século pasado, recreando escenas que lembran os tempos nos que o mar foi fonte de vida para tantas familias, un legado que hoxe en día segue presente.

Ao longo do percorrido, foron aparecendo ata once escenas protagonizadas por personaxes que compartiron historias de valentía, amor e sacrificio. Dende a muller que mercaba peixe no peirao ata o mariñeiro que regresaba de Terranova despois de meses no mar, cada personaxe representou un anaco da historia mariñeira da cidade. O espectador, inmerso nas historias, puido conectar coas vidas entrelazadas coa auga e a terra.

O personaxe de Ramón Boutureira, un emigrante que retornou de Nova York despois de setenta anos fóra, foi o fío condutor do roteiro. A través del, os asistentes foron descubrindo diferentes episodios da vida mariñeira, transportándose ás décadas pasadas, cando o mar era ao mesmo tempo sustento e desafío para as familias coruñesas.


Espazos emblemáticos como o Mercado de San Agustín, a Praza de Azcárraga, a Avenida da Mariña ou a Lonxa de A Coruña volveron cobrar vida, enchéndose de emoción e lembranza. O evento culminou cunha simulación dunha poxa na Lonxa e unha exposición onde os asistentes puideron escoitar testemuños sobre o pasado, o presente e o futuro do sector pesqueiro. Juan Carlos Corrás, presidente da Lonxa de A Coruña e e a Ramón Fernández, vicepresidente da Lonxa de A Coruña, guiaron esta parte final, ofrecendo unha perspectiva da situación actual do sector na Coruña.

Son do Mar non só foi unha celebración do pasado mariñeiro da cidade, senón tamén unha homenaxe aos heroes anónimos que fixeron do mar o seu modo de vida. Unha oportunidade para recuperar as nosas raíces e destacar a importancia de manter viva a cultura mariñeira para garantir un futuro sostible.

O noso agradecemento especial a todos os participantes e sobre todo aos colaboradores, como o Concello de A Coruña, a Autoridade Portuaria, a Lonxa de A Coruña e ACERGA, e a Alentía Teatro pola súa representación teatral, que fixeron posible esta xornada de celebración e memoria mariñeira.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024