Un cemiterio con moita historia nas costas galegas


Décadas de investigacións nas augas galegas permitiron descubrir e identificar 1.600 pecios de barcos, avións e submarinos afundidos na costa galega. Naufraxios que se produciron desde o século XVI. Diferentes especialistas xa o definen como o maior cemiterio naval europeo, e incluso o máis grande a nivel mundial. Un atractivo para moitos investigadores que acoden á zona a descubrir a historia dos restos que se atopan nas profundidades costeiras galegas.

Submarinos, cazabombardeiros, mercantes e barcos históricos afundiron nestas augas, ben por mor das inclemencias meteorolóxicas, por accidentes naturais ou como consecuencia das guerras. A zona converteuse durante a Primeira e a Segunda Guerra Mundial nun espazo que alemáns e británicos ansiaban controlar, e no que loitaban por auga e por aire para cortar a subministración do inimigo. Na zona atopáronse 25 submarinos, maiormente de orixe alemá, 50 cazabombardeiros británicos e un planador. Os afundimentos véñense producindo desde fai 2.000 anos, en moitas ocasións ao chocar os barcos contra a cornixa atlántica ao ser arrastrados polas condicións do mar.

Ademais, durante as guerras, os británicos aproveitaban as correntes do verán para atacar a península, e os españois facían o mesmo coas correntes de outono e inverno. Porén, moitas tormentas provocaban o naufraxio dos barcos españois contra a costa galega. Un exemplo disto son os oito galeóns que se atoparon á altura de Corcubión. A maior parte dos naufraxios produciuse coa chegada dos motores de vapor, xa que co obxectivo de aforrar carbón, as embarcacións achegábanse á costa e acababan afundindo a causa das tormentas.

Os restos destas embarcacións, submarinos e avións forman parte da historia de Galicia, de Europa e do mundo. Un patrimonio que é preciso conservar, e a partir do cal os investigadores conseguen datos para coñecer moito mellor a historia que nos rodea.  

Comentarios

Entradas populares de este blog

Aberta a nova convocatoria de axudas 2024

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024

Un estudo ambiental contabiliza en 2.226 a poboación de especies mariñas e terrestes do territorio