A cultura marítima tradicional, unha aposta turística co proxecto Mar de Velas
·
Os promotores da iniciativa, entre os que se atopa GALP
Golfo Ártabro Sur, buscan crear unha rede de mariñas e navegación tradicional,
e empregar as embarcacións no eido turístico para dar a coñecer o patrimonio
marítimo e fluvial galego.
Sada, 29 de xullo 2019.- Mar
de Velas nace co obxectivo de promover e visibilizar o traballo das
asociacións de embarcacións tradicionais, espallar a historia da pesca e do mar
a través do turismo e crear unha rede de mariñas e navegación tradicional. Este
proxecto de cooperación está promovido polos grupos de acción costeira Costa
Sostible, Golfo Ártabro Sur, Ría de Arousa e Ría de Pontevedra, e nel
participan as asociacións pertencentes a estes.
A iniciativa Mar de Velas pretende empregar as embarcacións
tradicionais para o seu uso turístico, dando a coñecer a través da
navegación a tipoloxía e a historia da propia nave, do mar, da pesca e da zona
na que se atope a embarcación. Deste xeito o proxecto fomenta un turismo
cultural marítimo de calidade, destinado tanto á poboación local (moitas veces
descoñecedora da historia do mar) como aos visitantes. Polo momento xa hai dous
barcos —o balandro Joaquin Vieta e a tarrafa Chasula—
funcionando no sector turístico, operando na zona de Muros, O Freixo, O Grove e
Cambados. O proxecto que aínda está en fase de deseño, pretende sumar máis
embarcacións.
Ao mesmo tempo que se desenvolve e esta actividade turística a prol do
patrimonio marítimo, lévanse a cabo charlas formativas e informativas
coas diferentes asociacións de navegación tradicional, co obxectivo de informar
sobre o proxecto e darlles as ferramentas necesarias para a súa participación
nel. Os Patexeiros de Sada e a AAETGA da Coruña foron as dúas asociacións
pertencentes ao GALP Golfo Ártabro Sur que xa participaron nesas visitas.
O territorio no que se desenvolve o proxecto vai desde Fisterra
ata Pontevedra, pasando por Dumbría, Cee, Corcubión, Carnota, Muros, Outes,
Porto do Son, A Illa de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Cambados, Catoira,
O Grove, Rianxo, Ribadumia, Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa,
Ribeira, Bueu, Marín, Meaño, Poio, Pontevedra e Sanxenxo. Tamén forman parte do
proxecto a zona do GALP Golfo Ártabro Sur, que inclúe A Coruña, Arteixo,
Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, que dispoñen de mariña tradicional.
O proxecto conta cun investimento público e privado de 67.155,00 € para
o seu desenvolvemento.
Comentarios
Publicar un comentario