Os GALP promotores do Proxecto Tanza asisten a un encontro no Laboratorio de Plásticos do Campus de Esteiro da UDC

O obxectivo era coñecer en profundidade o proceso de valorización dos plásticos, entendido como modelo de economía circular participada polo sector pesqueiro e entidades de inclusión social.


Na sesión expúxose o funcionamento das máquinas de tratamento de plásticos baseadas no sistema Precious Plastic, que sirve de fío artellador en moitos dos territorios GALP.


                                                                                                                                                                  

O Laboratorio de Plásticos do Campus de Esteiro da Universidade da Coruña (UDC) foi onte o anfitrión dunha xornada de posta en común sobre o Proxecto Tanza, que finalizou cunha visita polas instalacións do centro. Á reunión asistiron representantes das entidades do sector pesqueiro e da inclusión asentadas nos territorios dos seis GALP promotores (A Mariña-Ortegal, Golfo Ártabro Sur e Norte, Costa da Morte, Costa Sostible e Ría de Arousa).

 

O encontro contou tamén coa participación de Rosa Quintana, conselleira do Mar; Fabiola García, conselleira de Política Social; Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; Julio E. Abalde Alonso, reitor da UDC; María Jesús Movilla, vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC; José Ramón Méndez, director da Escola Universitaria de Deseño Industrial; e Ana Isabel Ares, directora do Laboratorio de Plásticos (LabPlast).



 

Desde mediados do ano pasado, o Proxecto Tanza traballa en favor da dinamización de iniciativas de cooperación entre o sector pesqueiro e o da inclusión, mediando en proxectos amparados na economía circular. No marco de Tanza xurdiron varias ideas que solicitan o apoio do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, no que os GALP colaboran en xestión coa Consellería do Mar. En moitas delas, o aproveitamento e valorización dos refugallos plásticos e a atención ás problemáticas ambientais das zonas costeiras e o medio mariño son o principal fío condutor dos proxectos que se promoven.                 

 



Revalorización do lixo mariño

No encontro expuxéronse as principais liñas de traballo de Tanza, que se centran na posta en valor dos refugallos plásticos e en converter o lixo mariño das nosas augas en obxectos útiles para o propio sector pesqueiro. A aposta do proxecto insiste en valorizar os refugallos mariños desde a cooperación coas entidades de inclusión social ao tempo que se reduce o lixo nas rías galegas, promovendo a pesca sostible.   

 

Neste sentido, durante a visita guiada polo LabPlast presentouse o funcionamento das máquinas de tratamento de plásticos baseadas no sistema e metodoloxía Precious Plastic, que sirve de fío artellador en moitos dos territorios GALP.


 

Tanza en cifras

Tal e como se explicou na reunión, desde o comezo do proxecto, realizáronse máis de 90 reunións de traballo nas zonas costeiras participantes (Golfo Ártabro Sur,  A Mariña-Ortegal, Costa da Morte, Golfo Ártabro Norte, Costa Sostible e Ría de Arousa) e forman parte del máis de 180 entidades -máis de 50 do ámbito pesqueiro- entre confrarías, asociacións e entidades sectoriais. Implicáronse tamén máis de 20 concellos e asistiron máis de 350 persoas ás reunións de acompañamento, cun alto porcentaxe de participación feminina.


 

Visita ao LabPlast

Tras os relatorios iniciais, os e as asistentes fixeron unha visita guiada polas instalacións do Laboratorio, acompañada das explicacións da súa directora e outra das técnicas do centro. Os grupos artelláronse en dúas quendas de dous grupos para respetar en todo momento as distancias de seguridade e as medidas sanitarias específicas derivadas da crise da covid. 



Comentarios

Publicar un comentario

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024