O alumnado de RELEVO2020 do GALP Golfo Ártabro Sur finaliza a súa formación cunha visita á Escola Náutica de Ferrol
O programa de capacitación en busca do relevo xeracional no sector pesqueiro está chegando á súa fin con encontros empresariais e visitas experienciais.
As sesións presenciais do programa finalizarán a próxima semana e para rematar as actuacións previstas, tamén está pendente unha visita á Escola Náutica de Ferrol que terá lugar este martes 1 de xuño en horario de mañá. Os asistentes do GALP Golfo Ártabro Sur compartirán xornada, novamente, co alumnado dos GALP A Mariña Ortegal e GALP Golfo Ártabro Norte.
Así mesmo, o alumnado ten que elaborar un traballo final teórico co que optará, ante un xurado, a unha viaxe ao País Vasco.
O pasado martes 25, o alumnado deste segunda edición de Relevo2020 estivo compartindo toda a xornada na zona de Arousa, concretamente en Rianxo, co alumnado dos cinco GALP participantes e con persoas de diferentes entidades que colaboran na iniciativa.
Ademais mantivéronse encontros coa xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, ou coa bióloga da Confraría de Miño, Maite Fernández. Tamén se realizaron visitas experienciais a empresas como o complexo turístico After Surf, en Oleiros, que recibiu unha subvención do GALP Golfo Ártabro Sur, ou ao grupo familiar J.J. Chicolino de Boiro, a petición do alumnado.
Comentarios
Publicar un comentario