Visitar os espazos museísticos da Rede REMA pode ter premio
Hoxe, Día internacional dos
museos, lánzase oficialmente a Guía de Espazos Museísticos Pasaporte REMA que
se repartirá de modo gratuíto en cada un dos 27 museos da Rede REMA. A publicación
contén información dos elementos patrimoniais máis relevantes que se poden
atopar en cada espazo, estando orientada desde o punto de vista dos visitantes
e dos seus xestores culturais.
Todas as persoas que visiten os museos da Rede REMA irán acumulando selos Remiña e, unha vez alcancen as 5 estampas de museos localizados en polo menos 2 territorios GALP entrarán no sorteo de 19 cestas mariñeiras compostas de produtos de cada territorio. O prazo máximo para obter os selos finaliza o 2 de novembro de 2021.
A maiores, unha cesta mariñeira sortearase proximamente a través das redes sociais de Pasaporte REMA Facebook e Instagram (@pasaporterema).
Xogo
online no verán
Por outra parte, a partir do
22 de xuño lanzarase un xogo online para percorrer virtualmente toda a rede de
museos cun dispositivo móbil. Os interesados só teñen que escanear o código QR
que xa poden atopar na guía.
Gardiáns
da cultura atlántica europea
Desde 2018, os oito Grupos de
Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia impulsan e promoven
conxuntamente a primeira rede centrada no patrimonio material e inmaterial do
mar. Está apoiada pola Consellería do Mar e financiada a través do Fondo Europeo
Marítimo e de Pesca (FEMP).
A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) é a primeira entidade especializada en contidos relacionados coa cultura mariñeira atlántica europea. O seu obxectivo é que o patrimonio material e inmaterial ligado ao mar sirva de nexo de unión entre os diferentes pobos do arco atlántico de Europa.
Actualmente, a REMA está composta por 27 espazos museísticos das costas galega, asturiana e portuguesa, cun interese común por preservar a cultura mariñeira do arco atlántico europeo e a súa historia. Os seus membros custodian un patrimonio de interese para turistas, escolares, persoal investigador e público en xeral.
Comentarios
Publicar un comentario