A presentación oficial do II Roteiro Son do Mar terá lugar en xullo

No evento contarase coa asistencia do equipo de produción e de realización, así como dalgún dos intérpretes principais e máis emblemáticos da serie.


Finalizada e emisión dos 15 capítulos do II Roteiro Teatralizado Son do Mar, no próximo mes de xullo está previsto realizar en Sada a presentación oficial coa asistencia do equipo de produción e de realización, así como dos intérpretes principais e máis emblemáticos da serie. Durante o evento, o elenco asistente escenificará algunha escena do proxecto para presentar os contidos, así como esta viaxe experiencial polo patrimonio mariñeiro dos sete municipios do territorio GALP Golfo Ártabro Sur.

Praia de Rañobre, Arteixo




Alí estarán Alentía Teatro e o director Afonso García Penas; e parte do elenco amateur e profesional que deu vida, entre outros, a Ramón Boutureira, o protagonista do Roteiro, ou ao seu amigo, o cura de Bergondo, interpretados, respectivamente, por Xosé Eixo Branco e Xosé Lois Fernández Leal. Debido á pandemia sanitaria, o GALP Golfo Ártabro Sur tivo que atrasar este evento presencial ata que as condicións sanitarias se consideraron seguras para organizar un acto público.

Os quince episodios do II Roteiro Teatralizado Son do Mar fóronse publicando cada venres desde o 29 de xaneiro pasado na canle de Youtube do GALP Golfo Ártabro Sur. Aquí están dispoñibles en aberto para todos aqueles que aínda non os coñezan ou para quen os queira ver de novo. Nestes catro meses, sumaron cerca de 24.300 visualizacións, unhas 1.200 horas de metraxe vistas e numerosos e emotivos comentarios en todas as redes sociais do GALP (Facebook, Instagram, Twitter e o mesmo Youtube).

Acceso directo II Roteiro Teatralizado Son do Mar >>  https://www.youtube.com/watch?v=8PkmnQ_SoU0&list=PLE5kM0wt2fLote2YbDLb9DBQhP-ADWZrE   

  

Memoria mariñeira teatralizada
O GALP Golfo Ártabro Sur promoveu en 2020 a segunda edición deste roteiro teatralizado aínda que, debido á situación sanitaria xurdida en plena preparación da rodaxe, tivo que trasladar o formato presencial ao audiovisual a través de quince vídeos curtos que percorren os preto de 80 quilómetros de costa entre Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo. Son tamén un documento da historia social e económica deste territorio, das tradicións mariñeiras ou da evolución do sector do mar e da pesca.

A personaxe principal é o emigrante retornado Ramón Boutureira quen, despois de case 70 anos emigrado en Nova York, volve á súa vila natal para ver, en primeira persoa, os cambios acontecidos nos lugares, na xente e nos costumes que el recordaba de cando transportaba mercadorías co seu pai.

Outro valor engadido deste proxecto foi a intensa colaboración da veciñanza residente nos sete concellos que integran o territorio do GALP Golfo Ártabro Sur para converterse en informantes e recordar feitos da historia local ou ser, por unhas horas, actores e actrices amateurs En concreto, entre protagonistas, figurantes e público, nesta produción do GALP Golfo Ártabro Sur contouse con 33 persoas maiores e menores de 40 anos.

 

 



Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024