Sada avanza cara ao ecomuseo a flote grazas a iniciativa de Os Patexeiros
A Asociación Cultural e Mariñeira Os Patexeiros, promotora do proxecto “Ecomuseo a Flote”, está a traballar arreo para converter a Sada nun referente do patrimonio marítimo. O proxecto, que conta coas axudas do GALP Golfo Ártabro Sur, propón a instalación dun pantalán de embarcacións tradicionais fronte ao paseo marítimo, similar á icónica imaxe da dársena coruñesa coas súas galerías.
O proxecto técnico para estudar a viabilidade desta instalación está moi avanzado e prevese que o pantalán se sitúe na lámina de auga fronte á antiga nave de redes. Esta localización permitirá á asociación promover un espazo vivo onde a poboación e os visitantes poidan coñecer de preto o patrimonio marítimo en risco de desaparición.
A iniciativa foi presentada o pasado 19 de xullo na sede do GALP, contando coa participación de representantes do Concello, empresas náuticas locais, entidades culturais, a Cofradía de pescadores de Sada e Culturmar. Tamén asistiu a Universidade Laboral, que colabora coa asociación na recuperación dunha embarcación tradicional.
Ademais, o proxecto inclúe a construción dun bote de media construción, unha tipoloxía case desaparecida no Golfo Ártabro. Esta embarcación de seis metros de eslora xa comezou a ser construída en Astilleros Catoira, promovendo así a carpintería de ribeira, declarada ben de interese cultural.
Con estas accións, Os Patexeiros non só revitalizan o pasado mariñeiro de Sada, senón que tamén impulsan o turismo vinculado ao mar, contribuíndo á preservación e divulgación da cultura marítima galega.
Comentarios
Publicar un comentario