Diferentes GALP de Galicia presentaron onte proxectos para mellorar a inserción laboral das persoas con diversidade funcional
· A xornada “Un mar
de oportunidades laborais” deu a coñecer os avances que se están a realizar
para impulsar a empregabilidade destas persoas.
· O evento foi
organizado polo GALP Golfo Ártabro Sur, que tamén presentou as accións que se levan
a cabo no seu territorio.
Sada, 30 de
outubro do 2019.- O Edificio de Servizos Múltiples de Culleredo acolleu onte a xornada
“Un mar de oportunidades laborais”. Un evento adicado á empregabilidade das
persoas con diversidade funcional. Nas conferencias presentáronse as vías e
programas para a inserción laboral destas persoas no territorio do Grupo de
Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur. Á súa vez,
déronse a coñecer os proxectos que se están a realizar desde diferentes GALP
de Galicia -en colaboración con entidades do seu territorio- en materia de
inserción no mundo do mar.
A xornada,
organizada polo GALP Golfo Ártabro Sur coa colaboración do Concello de
Culleredo, dividiuse en tres bloques. No primeiro presentáronse os proxectos
que integran boas prácticas en materia de diversidade funcional levados a cabo
polos diferentes GALP. Este bloque contou cos relatorios de representantes do
GALP A Mariña - Ortegal, Aspromor, GALP Costa da Morte, Aspaber, GALP Ría de
Arousa, BATA e o GALP Ría de Pontevedra.
O segundo
bloque centrouse na empregabilidade das persoas con diversidade funcional no
ámbito do GALP Golfo Ártabro Sur, contando coa intervención de representantes
de ASPANAES, FADEMGA e COGAMI. Neste apartado tamén falou Sergio Díaz,
traballador con diversidade funcional que tivo éxito na súa inserción laboral.
Ao rematar
houbo unha charla coloquio na que os asistentes puideron preguntar e debater
sobre o tema, creando novas sinerxías e aportando ideas para novas accións.
Con estas
xornadas “o que se busca é dar a coñecer os avances en materia de inserción
laboral das persoas con diversidade funcional. Desde o GALP Golfo Ártabro Sur
estamos comprometidos coas iniciativas que impulsan a inserción laboral destas
persoas, e o que pretendemos con eventos como este e xerar novas vías de
colaboración para seguir traballando”, explicou o xerente deste GALP, Federico
López Viñas.


Comentarios
Publicar un comentario