O Golfo Ártabro Sur presentou onte o seu roteiro teatral “Son do mar” e o inicio da súa avaliación intermedia
·
Representantes de Alentía Teatro e do GALP
presentaron o roteiro teatral que narrará, a través da interpretación de máis
de 70 actores e actrices, a historia dos antepasados de Sada e o seu labor no
mundo do mar. O evento terá lugar o domingo 27 de outubro.
·
Esta mañá tamén se presentou o inicio da
avaliación intermedia, procedemento a través do que o GALP coñecerá os erros e
acertos da súa estratexia no territorio, perfeccionando a súa folla de ruta.
Sada, 17 de outubro. - O Grupo de
Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP)
Golfo Ártabro Sur presentou onte pola mañá na súa sede o roteiro teatral “Son do mar” -que terá lugar na mañá do
domingo 27 de outubro no concello de Sada- e o inicio da súa avaliación
intermedia. Esta última constitúe un período vital para o GALP, que
coñecerá os erros e acertos da súa estratexia no seu ámbito territorial, a
partir dos que elaborará as medidas a seguir para conseguir que a área siga
progresando.
O presidente e o secretario do Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro García e
José Garrote Martín, así como o director
de Alentía Teatro, Afonso García Penas, presentaron esta mañá o primeiro
roteiro teatral no porto e os núcleos mariñeiros do concello de Sada. A actividade estará
interpretada por máis de 70 actores e actrices de Sada e do resto de
Galicia, e constará de 12 escenas teatrais centradas nos anos 40 e 50. Ao longo
do percorrido narrarase o pasado e o presente das persoas maiores e o seu labor
no mundo do mar. O roteiro levarase a cabo na mañá do 27 de outubro, tendo o
seu comezo ás 11:00 horas na Praza de San Roque. A Tenencia, a praia ou o paseo
marítimo serán algúns dos escenarios destas interpretacións, que terán o seu
final no porto.
A actividade estará protagonizada por persoas de todas as idades, desde os
5 a os 90 anos. Nela participarán homes e mulleres do mar, alumnado de centros
educativos de Sada, asociacións culturais do
Concello e todas aquelas persoas que se animen a participar neste
divertido evento. A acción organizada polo Golfo Ártabro Sur ten como obxectivo
impulsar e dar a coñecer a cultura mariñeira a través dun roteiro
que narra a historia de Sada.
As persoas interesadas en participar poderán inscribirse enviando un correo
electrónico a galpgolfoartabrosur@gmail.com ou chamando ao 881 896 417.
A estratexia do GALP sometida a exame
O proceso de avaliación intermedia é un período vital para
realizar medidas correctoras que adecúen a estratexia a seguir nas diferentes
zonas do territorio do GALP. Este iniciarase mañá.
Nesta avaliación analizaranse os parámetros económicos e financeiros, que
inclúen o grao de execución financeira, a eficacia e eficiencia e a
distribución do gasto, entre outros. Á súa vez, tamén se poñerá atención nas
realizacións físicas do programa, apartado no que se estudarán a tipoloxía de
iniciativas postas en marcha no territorio e a súa utilidade. Por outra banda,
analizaranse os procesos, vendo como evoluciona a execución e a implementación
do programa de axudas e o traballo de xestión do GALP.
Con isto preténdese coñecer os erros e acertos da estratexia que se está
levando a cabo, para adaptala e mellorala, elaborando unha folla de ruta que
consiga o desexado progreso do territorio
Comentarios
Publicar un comentario