Vídeos sobre as artes de pesca artesanais
O GALP Golfo Ártabro Sur inaugurou 2022 divulgando unha serie de vídeos sobre as artes de pesca artesanais como o curricán, a liña ou o palangre
Con motivo da conmemoración do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais 2022 da FAO, o GALP Golfo Ártabro Sur xa comezou a difundir as primeiras accións vinculadas a esta efeméride mundial.
Desde comezos de ano, estanse emitindo unha serie de vídeos sobre as artes de pesca artesanais empregadas neste territorio para dalas a coñecer á poboación xa que, como adoitan dicir no mundo do mar, os peixes non se collen só cun tipo de rede. Os vídeos poden verse nas redes sociais do @galpartabrosur e tamén na nosa canle de Youtube aquí: https://www.youtube.com/playlist?list=PLE5kM0wt2fLoR_Qock24NwWObtJ_XzAQS
O mes de xaneiro estivo dedicado á pesca con liña, febreiro ao curricán e o palangre será o aparello protagonista de marzo. Abril dedicarase aos apeiros empregados no marisqueo a pé e maio, aos do marisqueo a flote.
Coa
entrada do verán, os vídeos centraranse nas nasas (xuño) e redes de enmalle como a volanta (xullo), o trasmallo
(agosto) e o xeito (setembro) que
empregan os coñecidos como barcos do día. Estes saen faenar de mañanciña e
regresan a primeira hora da tarde.
En outubro, a protagonista será a arte do cerco empregada polos cerqueiros ou tarrafas, que saen faenar á tardiña e volven de madrugada a porto coas capturas de especies peláxicas como sardiña, xurelos, xardas, etc. O mes de novembro estará dedicado ao arrastre e decembro, á rapeta.
Eventos en 2022
Outras
actividades incluídas na Axenda da Pesca Artesanal para 2022 do GALP Golfo
Ártabro Sur son xornadas para difundir nos colexios e institutos do territorio
a importancia do relevo xeracional do sector do mar. Tamén se lle amosará aos
máis pequenos e aos rapaces de diversidade funcional como se traballa nas
lonxas, así como as principais especies que son capturadas mediante a pesca
artesanal.
Ao longo deste ano, seguirán publicándose na web e nas redes sociais diferentes receitas con peixes e mariscos capturados polos barcos de proximidade, principalmente cos de menor valor comercial para dalos a coñecer e promover o seu consumo.
Así
mesmo, o almanaque de mesa do GALP Golfo Ártabro Sur para 2022 tamén está
centrado nas artes de pesca artesanais.
Comentarios
Publicar un comentario