O GALP Golfo Ártabro Sur investiu case 3M€ dos fondos europeos FEMP para xerar riqueza no seu territorio


Exitosa se pode considerar a xestión dos fondos europeos FEMP 2014-2020 por parte do GALP Golfo Ártabro Sur xa que do total do presuposto (3M€), asignaron practicamente o 100% dos fondos (2.978.582,80€) a medio cento proxectos que xeraron riqueza no territorio ademais de crearse 24 novas empresas e 169 postos de traballo, entre novos e consolidados, na cadea de valor do sector pesqueiro. A zona de actuación da entidade son os concellos de
Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña e Arteixo.

Estes resultados presentáronse nunha xornada aberta ao público no edificio A Senra presida pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Márquez, e o secretario do GALP, José Garrote. O presidente, Alberto Castro, clausurou o evento. A parte lúdica puxérona o monologuista Víctor Grande e a Agrupación Musical de Pulso e Púa “Carlos Seijo”, ambos con actuacións centradas no mundo do mar. A xornada completouse coa presentación do libro e vídeos dos proxectos FEMP e a axenda institucional do Ano Internacional da Pesca e da Acuicultura Artesanais (AIPAA).

Dos proxectos subvencionados polo GALP Golfo Ártabro Sur, o 71,6% foron produtivos (cunha inversión de 2.131.608,98€ dos fondos) e 28,4% non produtivos (cunha inversión de 846.973,82€ dos fondos). Uns datos que valoran especialmente desde a entidade xa que, expoñen, “a maior parte do noso presuposto, case un 72%, destinouse a impulsar e innovar pequenos negocios e empresas vinculadas ao mar e á pesca extractiva”.

Estes proxectos están relacionados con sectores como a comercialización e transformación de produtos do mar, a economía circular, a innovación tecnolóxica, a eficiencia enerxética e a redución do impacto ambiental, a venda online, o turismo náutico e de natureza ou responden a novas propostas artesáns ou gastronómicas que toman o noso patrimonio mariñeiro como eixo argumental.

Entre os varios casos de éxito deste período FEMP poden destacarse os gañadores de recoñecementos de Boas Prácticas pola Rede Nacional de Grupos de Pesca. Son: “Apertura, modernización e innovación de novo punto de venda de peixe” de Pescados Sonia da praza de Elviña (A Coruña); “Open Science” unha feira referente no sector da ensinanza científica do Concello de Cambre; as “Empanadas do mar” promovidas por dúas irmáns emprendedoras que rexentan a panadaría “O Forno de Guísamo”; “Novas oportunidades turísticas para os produtos do mar e do litoral na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ligadas a un modelo de ecoturismo” do Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos.

Se ben, como sinalan desde o GALP Golfo Ártabro Sur: “todos os proxectos subvencionados pola entidade son sobresalientes porque contribúen a impulsar un territorio cun gran potencial, historicamente vinculado ao mar e no que queremos que o mar continúe sendo unha fonte de riqueza sostible”.

Superar previsións
Desde a Consellería do Mar teñen destacado en numerosas ocasións o importante papel social que desempeñan os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) de Galicia para apoiar proxectos que se artellan “de abaixo a arriba” e xeran valor e riqueza no territorio onde se desenvolven. Desde o GALP Golfo Ártabro Sur manifestan estar satisfeitos co traballo desenvolvido nos pasados anos e dos logros acadados. Ademais de polas boas cifras obtidas, pola valoración social positiva sobre o seu cometido e pola boa consideración entre os promotores que, segundo lles trasladan, destacan a proximidade e o acompañamento durante todas as fases de asesoramento, solicitude, tramitación, seguimento e xustificación das axudas.

Este salto cuantitativo e cualitativo sobre as previsións iniciais contempladas na Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) tamén se expande á boa acollida das xornadas de difusión e divulgación presenciais con máis de 3.200 asistentes ou á creación dunha comunidade online que suma máis de 2.500 seguidores (Facebook, Twitter, Instagram e Youtube).

 

Nova etapa: FEMPA 2021-2027
A punto de pechar a etapa FEMP, o GALP Golfo Ártabro Sur xa ten as miras postas no novo período FEMPA (Fondos Europeos da Pesca e da Acuicultura) 2021-2027. A finais de setembro, presentou unha nova candidatura como Grupo de Acción Local do sector Pesqueiro a estes fondos europeos xunto co documento da EDLP (Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa) que se elaborou mediante proceso participativo cos axentes do territorio.

 

O documento atópase agora en fase de revisión e análise por parte da Consellería do Mar para validar a estratexia.


Ver fotos do evento >>
https://www.facebook.com/galpartabrosur/posts/pfbid02UC3temZatyfUxVZcjtMmBxwbV1XdHRiaRVwD1i6TJETwcTqjRF3eyVdAUGZqT7eLl

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024