Destacados profesionais en activo do sector mar-pesca fomentan o relevo xeracional entre universitarios e ensinanzas medias
O GALP Golfo Ártabro Sur organizou o xoves, 20 de outubro a primeira sesión da xornada “Profesións do mar” na ETS de Náutica e Máquinas en colaboración coa Universidade da Coruña. O próximo luns 7 terá lugar unha segunda parte no CIFP Universidade Laboral de Culleredo.
Neste sentido, Alberto Castro lembrou que unha das liñas de traballo do GALP Golfo Ártabro Sur é fomentar o relevo xeracional no sector mar-pesca a través de todo tipo de perfís, os máis tradicionais e os novos nichos. Por iso, destacou, “con este encontro formativo e divulgativo queremos amosar as amplas saídas laborais que hai da man, e voz, de grandes profesionais en activo, así como as vías para acceder a estes postos". “Por cada traballo no mar, xéranse catro en terra”, resumiu.
Pola súa banda, o director da ETS de Náutica e Máquinas, Manuel Romero, puxo en valor que, na actualidade, o mar é un dos sectores máis atractivos a nivel profesional recordando que “segundo a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, dúas das nosas titulacións marítimas, o Grao en Máquinas Navais e o Grao en Náutica e Transporte Marítimo, son das mellores valoradas en canto a inserción laboral e condicións económicas”.
Julio Abalde, reitor da UDC, foi o último en dirixirse
aos asistentes, animándoos a continuar formándose e tamén a aproveitar o
coñecemento e visión extracurricular que brindan xornadas deste tipo. “O sector
mar-pesca está cada vez máis aberto e a alta empregabilidade é o resultado
dunha ensinanza académica de calidade e do recoñecemento externo a este
talento”, resumiu.
Catro mesas
temáticas
Esta primeira xornada de “Profesións do mar” reuniu a
amplo abanico de profesionais dentro dos ámbitos da navegación, o salvamento
marítimo, a loxística, os servizos offshore ou o medio ambiente contando con
especialistas en enerxías renovables mariñas, empresas punteiras como Pérez
Torres Marítima, ACSM, Forestal do Atlántico, empresas públicas como Navantia,
profesorado universitario, representantes de organismos públicos como a Armada,
o Instituto Español de Oceanografía, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Sociedade
de Salvamento e Seguridade Marítima, Portos do Estado ou da Mariña Mercante. A
través das súas experiencias profesionais, académicas e vitais deixaron
constancia, unha vez máis, que o mar é unha fonte de oportunidades para promover
a substitución xeracional.
O encontro dividiuse en catro mesas de experienciais. A primeira dedicouse á temática “Navegación e Salvamento marítimo”; a Mesa 2 estivo centrada en “Transporte e Loxística”; a Mesa 3 en servizos offshore; e a cuarta e última, en medio ambiente.
Próxima cita na
Laboral de Culleredo
Esta xornada na ETS de Náutica e Máquinas completarase
cunha segunda o vindeiro luns, 7 de novembro (9.00 a 15.00h) no CIFP
Universidade Laboral de Culleredo. Aquí, as mesas temáticas versarán sobre
Pesca e Marisqueo, Comercialización, Medio Ambiente, Salvamento Marítimo,
Acuicultura e Turismo e divulgación.
Comentarios
Publicar un comentario