Celebración do foro final do proxecto PescaConCiencia “Alianza por un futuro sostible”
Máis de 80 representantes do sector da pesca
artesanal e marisqueo de toda Galicia, xunto con membros da comunidade
científica investigadora, xuntáronse o pasado venres 18 de novembro no Museo do
Mar de Galicia en Vigo no marco do foro “Alianza por un futuro sostible” do
noso proxecto de cooperación PescaConCiencia. Os asistentes valoraron que as
mesas de traballo foron moi produtivas.
O obxectivo principal de PescaConCiencia foi contribuír
á adaptación do sector para os efectos do cambio climático. Para isto, na
primeira fase, levouse a cabo un mapeo dos principais grupos de investigación
das tres universidades galegas e centros de investigación que tivesen proxectos
en activo sobre pesca artesanal e cambio climático en Galicia. Este mapeo
permitiu vincular a investigadores referentes da Universidade de Santiago
(Sebastián Villasante e Pablo Pita de EqualSea Lab), da Universidade de Coruña
(Rodolfo Barreiro do Grupo BIOCOST), da Universidade de Vigo (Emilio Fernández
do Grupo de Oceanografía Biolóxica; Elsa Vázquez e Celia Olabarría do Grupo
ECOcost; Irene Afasto do Departamento de Xeociencias mariñas), así como o
Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC-IEO de Vigo (Alexandre Alonso do
Grupo de Ecoloxía Pesqueira), o IEO de Vigo (Beatriz Reguera e Francisco
Rodríguez do Grupo de Floracións de Algas Nocivas) e IEO de Coruña (Manuel Ruiz
e Gonzalo González do Grupo de Modelización de Ecosistema Costeiro) e do
Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa.
Así mesmo, o proxecto, levou a cabo un estudo de
percepción do sector sobre vulnerabilidade ao cambio climático coa
participación de máis de 300 representantes. De forma paralela, celebráronse 7
talleres divulgativos sobre cambio climático e pesca artesanal nos que
diferentes investigadores contaron a estado da arte das investigacións sobre
pesca artesanal e cambio climático en Galicia.
O último paso do proxecto foi a organización do Foro “Alianza por un futuro sostible” no que se continuou rompendo barreiras entre ambos os sectores, para compartir coñecemento, e necesidades para identificar liñas de traballo conxuntas que contribúan a fortalecer o sector fronte aos retos e adversidades que presenta o cambio climático.
Liñas de actuación
identificadas
En total, no foro identificáronse 16 liñas de
actuación que inclúen desde a necesidade de actualizar ou desenvolver novos
estudos ecolóxicos e socioeconómicos específicos para diferentes pesqueiras,
estudos piloto sobre recrutamento larvario ante os efectos do cambio climático
considerando o efecto de sementes naturais e de cultivo; a necesidade de
mellorar a información pública sobre eventos de floracións de microalgas
tóxicas, incluíndo o avance en modelos preditivos e boletíns informativos; o
desenvolvemento dunha base de datos de pescadores e mariscadoras para
convocatoria de mesas de traballo consolidado nunha rede estable con
investigadores e representantes do sector; o deseño dun proxecto sobre
monitorización e prevención de arribazones de algas en parques marisqueos así como
o deseño de tecnoloxías que faciliten a limpeza de parques e a valorización de
arribazóns.
Comentarios
Publicar un comentario