“No noso caso hai tres ERTE´s aprobados. Pedíronse porque non hai EPI´s suficientes. De feito, vén agora a campaña e dous que están parados vana a perder por isto”
A seguinte
persoa que se suma á campaña “Queda na casa, queda co noso mar” é
Alejandro Pérez, patrón maior da Cofradía de Sada. Alejandro, coméntanos nesta
entrevista os impedimentos cos que se están a atopar para saír ao mar, ante a
situación provocada polo COVID-19.
A piques de
comezar a campaña da anchoa, vense con moita dificultade para conseguir todos os materias necesarios,
situación que os levou a solicitar tres ERTE.
1.
Cal é a situación actual do sector? E a vosa
en concreto? Como cres que afectou o COVID-19 ao sector?
Cos
impedimentos normais da situación: carencia de materiais e dificultade para
conseguilos, non hai todos os necesarios. No noso en caso en particular, que
imos á campaña da anchoa, cústanos moitísimo atopar medio de transporte de
volta á casa. Antes nunha
furgoneta entrabamos seis ou sete e,
agora, non podemos ir máis de tres, polo que hai que conseguir o triplo de
furgonetas, co seu correspondente incremento nos gastos. O mesmo
para reparacións, porque os talleres están abertos só para as urxencias. A
maiores, por exemplo, non se están facendo os recoñecementos médicos e, para
nós, é un problema, porque sen el non se pode embarcar.
Todo isto
nunha situación na que a venda de peixe está aí aí... Non sei como irá esta
campaña.
2.
Tedes algún caso de contaxio por COVID-19?
Non, por
sorte nada. Tivemos un mozo que estivo en contacto cun enfermo de COVID, pero
fixo a corentena e pasouna sen problema. Isto foi xa hai un mes. A verdade é que
non pasou nada. Nós estamos a saír ao mar igual.
3.
Que medidas estades a adoptar para evitar os
contaxios?
No noso
caso cumprimos en todo o posible as medidas de seguridade recomendadas. Por
exemplo, nas descargas para a nova campaña, xa estamos informados das novas
directrices a seguir. Evidentemente, non é fácil, pero agora as descargas fanas
só dúas persoas. Nas lonxas, por suposto, non entras sen máscaras nin luvas.
4.
En canto ás EPI´s, como é a situación para
vos? Utilizades a diario, tedes dispoñibilidade, tedes falta, etc.?
Agora
mesmo temos, para preparar esta campaña, temos. Pero temos porque estivemos a coller
provisións polas ferraxerías, as farmacias, etc. Temos lixivia, temos luvas,
máscaras para traballar e mesmo lentes. De feito, agora por fin conseguimos o
termómetro de infravermellos para medir a temperatura aos mariñeiros á entrada
do traballo. En cando ao distanciamento, pois... mais ou menos.
5.
Que apoio e información estades a recibir
dende as institucións?
O outro día chegáronnos máscaras á casa na
que vendemos e á cofradía, pero foron as primeiras. Nós tivemos que conseguilas
como puidemos: compramos algunhas, pedimos outras e mesmo tivemos doazóns de
máscaras feitas con impresoras 3D dun grupo de aquí.
6.
Estades a recibir algunha axuda de apoio a
actividade dende estes? Axudas económicas?
Nada en
especial ademais dos ERTEs. Nós preferimos saír a traballar que meternos en
axudas ou créditos. Endebedarse non é a maneira, o que se necesita é que as
campañas funcionen ben.
7.
Que cres que se podería facer diferente/mellor
ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
O ideal
sería ter máis EPI’s e non ter que endebedarse.
8.
Tivestes que solicitar ou facer algún ERTE?
Rexeitaron algún? Por que?
No noso
caso hai tres ERTE´s aprobados. Pedíronse porque non hai EPI´s suficientes. De feito, vén agora a
campaña e dous que están parados vana a perder por isto. Tamén hai xente que pertence a un grupo de
risco, ten medo a vir traballar e pide non vir, é totalmente entendible.
9.
Hai medo entre a tripulación?
Si, a
xente está saíndo a faenar con medo, por non ter as medidas de protección suficientes.
10.
Estades a atoparvos con problemas para poder
comercializar o produto?
Para
escaseza que houbo ata agora, non se notou que subise o prezo, de feito, a nós
non nos variou moito. O noso peixe é máis de cerco. Traballamos con especies peláxicas, a sardiña
agora está pechada, pero xurelo, cabala e especies que, aínda que van para o
fresco, non son especies que adoitan ir para restaurantes, utilízase máis para
conxelar ou para carnada. Onde
se notou moito a baixada foi en todo o peixe que ía para restauración.
11.
Cal é o peixe que está a ter máis saída nesta
época? E cal era o habitual neste período do ano?
Nós
seguimos cos mesmos ritmos, máis ou menos. O noso peixe é peláxico e, neste
caso, non varía moito.
12.
Como vos está a afectar a redución no prezo do
peixe? Afecta a todas as especies?
Como
dicía, no noso caso non afecta demasiado. Onde se está a notar moito e no peixe
que vai para restauración, e nós non temos baixada directa por esta situación,
é un peixe diferente. Veremos a ver como vai esta campaña que comezamos hoxe, a
da anchoa. Logo xa temos a campaña da sardiña, que comeza en maio, e esta si
que é case todo para fresco, xa depende máis do tirón da xente para vender.
13.
Entendendo as perdas que supón está situación
para o sector, como vos afecta no voso caso en concreto? Compensa saír para
afrontar gastos?
A época do
ano, á marxe da campaña da cabala ou da anchoa, non é a época máis forte para
estas especies, así que si, aínda que a venda non sexa moi alta, se vas
pescando algo e mantés o prezo, interesa saír. Por dicilo dalgunha maneira,
pódese ir tirando.
14.
De seguir nesta situación, de que maneira vai
a afectar ao subministro de peixe no mercado?
Eu supoño
que seguiremos tendo peixe. A ver como collen as fábricas esta campaña que vén,
como fan coa distribución que teñen. Porque, por exemplo, un mercado bo para a
anchoa é, ou era, Italia. De todos os xeitos, xa empezamos con cotas máis
pequenas respecto a outros anos, para non ir enchendo con tanta cantidade o
mercado e que non se sature.
15.
Como cres que evolucionará a situación nun
futuro próximo?
Pois eu
creo que de momento isto vai manterse así bastante tempo, polo menos ata despois
do verán. Está á volta da esquina e como vai ir abrindo gradualmente... A
verdade é que non sabería dicir agora mesmo outro punto.
16.
Hai algunha medida ou punto que che gustaría
facer dende xa, de cara a mellorar o traballo na vosa cofradía?
A básica
para nós é o acceso ás EPÍ´s, para que a xente poida estar protexida e
traballar tranquila e con seguridade. Esa é a base principal e o máis
importante para nós agora mesmo. A partir de aí, o que sexa...
17.
Cres que está a cambiar a forma en que a xente
ve o sector pesqueiro?
Normalmente
cando hai agradecementos, a nós nunca se nos nomea, somos os últimos da cadea,
pero non pasa nada... Todos os apoios son bos e reconfortantes. Pero é certo
que cando saes, ves todos os agradecementos e non falan de ti, botas de menos
que se acorden de ti. Ao fin e ao cabo, consumir proteínas tamén é importante,
non? (Risas)
Alejandro remata a súa entrevista
transmitindo unha mensaxe de axuda ao sector: “noso caso, unha axuda para aprazar o pago non é a solución. A
solución sería subir algunha cota que é moi reducida e poder pescar máis. Isto
axudaríanos a facturar máis e levar mellor esta situación, por suposto, sempre
tendo coidado e facéndoo de maneira sostible e coherente. Este é o meu punto de
vista. Polo demais, é un problema de todos e todas, por iso temos que achegar o
noso gran de area para que se solucione canto antes. O/a que teña que ir
traballar que traballe e o/a que teña que quedarse na casa quede”.
Comentarios
Publicar un comentario