“Nós seguimos a traballar coma de costume. Afectar afectounos nos prezos, porque o peixe non vale o que tiña que valer”
Emilio Méndez Gómez, presidente da “Confraría
de Pescadores de Lorbé” en Oleiros (Coruña), tamén quixo participar nesta
campaña de sensibilización e recoñecemento da xente do mar, aportando a súa
visión da situación actual do sector. Comenta que para eles, en artes menores,
a situación actual non é boa, pero tampouco é mala. O feito de non ter lonxa e
evitar ese gasto, permítelles seguir a traballar coma de costume, aínda que,
por suposto, vense afectados pola redución dos prezos do peixe.
1.
Cal é a situación actual do sector? E a vosa
en concreto? Que vos din de outras cofradías?
A
situación actual non é boa, pero tampouco é mala de todo no oficio no que
andamos nós (artes menores). O prezo do peixe non é o que ten que estar levando,
pero da para ir tirando, para ir quitando gastos de enriba.
2.
Como cres que afectou o COVID-19 ao sector? Como
vos está afectando a actual situación de confinamento?
A nós
afectar afectounos nos prezos, porque o peixe non vale o que tiña que valer,
pero imos quitando un xornal e cubrindo gastos.
3.
Tedes algún caso de contaxio por COVID-19?
Non, na
cofradía de Lorbé por agora non.
4.
Que medidas estades a adoptar para evitar os
contaxios?
Temos
mascarillas e guantes. Con guantes xa solemos traballar, pero a parte do guante
co que traballamos habitualmente, agora temos tamén os guantes de plástico que imos
cambiando cando acabamos a faena.
5.
Hai medo entre a tripulación?
Aquí si,
andamos con coidado, seguido coas mascarillas. Por un lado, coñecémonos todos e
hai confianza, sabemos máis ou menos o que fai o outro, ninguén sae da casa agora
mesmo, imos da casa ao choio e do choio á casa. Imaxino que é distinto cando
andas con moita xente e non sabes a vida deles despois de saír do mar, igual se
lles dá por andar por aí. Pero non é o noso caso, aínda así, andamos con moito coidado
claro.
6.
Que diferencia hai entre cada tipo de frota de
cara as medidas a levar a cabo?
Máis ou
menos é o mesmo. A nós, por exemplo, a medida da distancia énos moi difícil
cumprila. Temos un barquiño de 15 metros e somos catro homes. Hai manobras nas que
temos que acercarnos. Pero en outros barcos, coma no cerco, imaxino que pasa
igual. O problema máis grande é o da distancia. Da igual que o barco sexa
pequeno ou grande, hai certos momentos nos que tes que estar cerca da outra persoa.
7.
En canto ás EPI´s, como é a situación para
vos? Utilizades a diario, tedes dispoñibilidade, tedes falta, etc.?
Dende que
empezou isto nós fomos tendo mascarillas e, agora, tamén nos dou a Xunta de
Galicia. Tróuxonos o outro día á cofradía uns paquetiños para repartir. Non son
moitos porque esas mascarillas creo que duran poucas horas, pero se lle fan
mais falta aos sanitarios que llas dean que nós apañámonos. Ademais, eu penso
que imos ter que ir afacéndonos a compralas nós mesmos ou a facelas na casa con
tea, o que non se pode é estar esperando a que veña a administración a darchas.
8.
Que
apoio e información estades a recibir desde as institucións?
A
información é a que sentimos pola televisión. Despois as mascarillas como che
comentaba si que as recibimos e, a semana pasada, veu un coche da Garda Civil e
repartiu algo polo porto entre os mariñeiros que estaban, non estábamos en
terra e non sei seguro.
9.
Estades a recibir algunha axuda de apoio a
actividade dende estes? Axudas económicas?
Quitando o
do ERTE, outro tipo de axudas que eu saiba non. Fálase de que nos van a
retrasar o IVA e que Portos de Galicia tamén quere aprazar os pagos das chabolas,
pero aprazar e nada máis. Non temos outras axudas.
10.
Como vos está a axudar a Concellería nisto?
Os políticos
deberían arrimar máis o ombro, xuntarse e estar unidos para levantar o país e
saír desta pandemia. Tiñan que deixar as ideoloxías a parte, cada un ten as
súas e punto. En momentos destes tiñamos que tirar todos a unha.
11.
Que cres que se podería facer diferente/mellor
ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
Unicamente
mellorar os prezos do peixe, polo demais... Ao mar hai que vir! Eu son dos que
penso que de axudas non se vive, temos que mirar nós de ganar o noso pan. Iso
si, no tema dos prezos si que podían axudar.
12.
Tivestes que solicitar ou facer algún ERTE?
Nós non
solicitamos ERTE. Creo que o pediu un barco porque estaba avariado pero
tampouco estou seguro. Do resto da cofradía, ninguén o pediu, todo o mundo está
saíndo ao mar.
13.
Estades a atoparvos con problemas para poder
comercializar o produto? Encontrastes
algunha outra saída para o peixe que se vendía directamente a hostalería, ou
tedes algunha estratexia para poder colocar ese produto no mercado?
Nós
vendemos na lonxa da Coruña e si que é un pouco máis difícil. Antes ías, deixabas
o peixe, chegaban os compradores e miraban todo o peixe. Agora teñen que
comprar po teléfono, a vendedora chama aos clientes e véndelle sen ver o
produto, e non é o mesmo comprar o peixe véndoo que sen velo, se cadra non te
arriscar a pagar tanto. Polo resto, no noso caso, é mesmo de sempre: chegas alí,
deixas o pescado e os vendedores ao outro día xa miran de vendelo. Para os
vendedores é diferente, ademais de polo que comentaba antes, porque tamén poden
esta poucas persoas na lonxa, creo que son 20 ou 30 persoas, non sei
exactamente.
14.
Cal e o peixe que está a ter máis saída nesta
época? E cal era o habitual neste período do ano?
Nesta época a centola, o rodaballo (que é o
que se está a coller) ou o lenguado. O problema de prezos está nestas pezas
grandes, que o restaurante era quen chas pagaba ben. En cambio, agora, é o que
menos se paga porque non hai restaurantes. Unha casa non vai comprar un
rodaballo de 7 quilos, unicamente que sexa unha casa con moito poder
adquisitivo ou que sexan moitos.
Vender séguese a vender todo o peixe igual,
solo que non colle os prezos que ten que coller.
15.
Como vos está a afectar a redución no prezo do
peixe?
Nós como collemos
moita variedade de pescado, non o notamos tanto.
16.
A redución no prezo do peixe afecta a todas as
especies? A cales afecta? E a todos os
tipos de artes?
Nestes que
che comentaba está a gran diferencia. No resto do peixe tamén baixaron os
prezos, pero non hai esa diferencia tan grande. En estes peixes grandes
baixaron moitísimo, en cambio un pinto, unha faneca ou unha pescadilla, véndense
a algo menos, pero tampouco é que se note tanto.
Nesta arte
coa que andamos nós collemos, coma quen di, de todas as clases de peixes, en
mais ou menos cantidade, dende unha sardiña ata un lumbrigante ou unha centola.
Por iso digo que non nos afecta tanto. Non é coma o cerco que ten uns peixes
específicos.
17.
Entendendo as perdas que supón está situación
para o sector, como vos afecta no voso caso en concreto? Compensa saír para
afrontar gastos?
Persoalmente,
a min si. Non sei canto cobran co ERTE, creo que o 70%. Se tes gastos que pagar
non chega a nada o que che poidan dar, hai que traballar.
18.
De seguir nesta situación, de que maneira vai
a afectar ao subministro de peixe no mercado?
Non ha de
haber falta de produto. Moitos barcos estamos indo ao mar e, os que están
parados, empezarán a ir pronto, xa se empeza a ver máis movemento. A situación
non creo que sexa fácil para ninguén e menos se estás parado, aínda que cobres
algo do ERTE. Ao final os gastos hai que pagalos, aquí a seguridade social a
final de mes e todos os impostos están vindo igual ca sempre.
19.
Como cres que evolucionará a situación nun
futuro próximo?
Penso que vai
ser duro, porque hai moita xente metida no paro e isto é unha cadea: se non hai
traballo, non hai diñeiro e, se non hai diñeiro, non se gasta.
20.
Hai algunha medida ou punto que che gustaría
facer dende xa, de cara a mellorar o traballo na vosa cofradía?
Nós non
temos lonxa, entón isto tampouco nos afecta moito. Temos unha cota e, mentres
os mariñeiros e armadores poidan pagala, non nos afecta en nada. Os que teñen
lonxa si que teñen menos ventas.
21.
Cres que está a cambiar a forma en que a xente
ve o sector pesqueiro?
Debíanlle de dar
moita máis importancia. Xa non só ao sector pesqueiro, senón tamén á agricultura
ou á gandería. A nós que nos axudaría moito? En vez de ofrecer tantas axudas, darnos
máis cota de peixe, porque se houbera máis cota, facturabas moito máis diñeiro
ao ano e movíanse máis postos de traballo. O Goberno tiña que conseguir máis
cota para España, que é o que da riqueza, e a xente apoiar isto.
Para
rematar esta entrevista, Emilio tamén quere transmitir unha mensaxe, dende o
sector, aos nosos dirixentes políticos: deberían esforzarse en conseguir máis
cota para a pesca, para poder traballar máis. Se nos traballamos máis e
pescamos máis, tamén producimos máis diñeiro e máis postos de traballo. Moitas
fábricas cerraron por non ter abastecemento de peixe. Isto xa non o digo pola
situación actual, isto xa ven de antes. Agora, co que estamos pasando, máis
motivo de reclamar todo isto. Hai moitas clases e moita cantidade de peixe, non
había que estar con cotas tan cortas.
Comentarios
Publicar un comentario