“Non podemos parar de ir ao mar, que comería a xente?”




Dende o GALP Golfo Ártabro Sur quixeron entrevistar aos catro patróns maiores das Confrarías de Pescadores de Lorbé, Mera, Sada e Coruña; para que todos e todas poidamos coñecer de primeira man como están a vivir dende o sector pesqueiro a situación provocada polo COVID-19.

Cal é a situación actual do sector? E a vosa en concreto?
Alejandro Pérez, patrón maior de Sada, coméntanos que eles van á campaña da anchoa e élles moi difícil conseguir todos os materias necesarios e, sobre todo, atopar medio de transporte de volta á casa: “antes nunha furgoneta  entrabamos seis ou sete e, agora, non podemos ir máis de tres, polo que hai que conseguir o triplo de furgonetas, co seu correspondente incremento nos gastos”.
Pola súa parte, Francisco Neira, patrón maior en Mera, dinos que para a súa confraría a diferencia a como estaba é grande, porque os prezos están pola metade: “afecta sobre todo nos ingresos, porque baixou moito o número de compradores. Unha parte importante dos nosos compradores traballan no sector da restauración, e con este sector cerrado, perdemos moita demanda.”
Emilio Méndez, patrón maior da confraría de Lorbé comenta que para eles, en artes menores, a situación actual non é boa, pero tampouco é mala: “nós seguimos a traballar coma de costume. Afectar afectounos nos prezos, porque o peixe non vale o que tiña que valer, pero da para ir cubrindo gastos.”
Tamén contamos coa opinión de Felipe Canosa, patrón maior da Coruña: “nós estamos traballando máis ou menos dentro do normal. Hai incidencias porque hai unha parte da frota que non está indo ao mar e temos recursos parados. Onde máis o notamos é na lonxa.”

Que medidas estades a adoptar para evitar contaxios?
A: “intentamos cumprir as medidas de seguridade recomendadas. Evidentemente, non é fácil. Agora as descargas fanas só dous e nas lonxas, por suposto, non entramos sen máscaras nin guantes”.
E: “temos mascarillas e guantes, bueno con guantes xa solemos traballar, pero a parte do guante co que traballamos habitualmente agora temos tamén os guantes de plástico que poñemos cando acabamos a faena cambiamos os guantes. A medida da distancia énos moi difícil cumprila, hai manobras nas que temos que acercarnos.”

Estades a recibir algunha axuda de apoio a actividade dende as Institucións?
A: “o outro día chegáronnos máscaras á casa na que vendemos e á cofradía, pero foron as primeiras. Nós tivemos que conseguilas como puidemos: compramos algunhas, pedimos outros e mesmo tivemos doazóns de máscaras feitas con impresoras 3D dun grupo de aquí. Logo nada en especial ademais dos ERTE’s, nós preferimos saír a traballar que meternos en axudas ou créditos”.
Fr: “a administración fará o que pode nestes casos claro, tampouco é fácil para eles. Envían mascarillas e información polo correo das cofradías tamén mandan moita. Axudas económicas que eu saiba o do ERTE e unha do FEMP. Moito papeleo e non sabes cando vas cobrar. Agora mesmo, que eu saiba, non temos nada asegurado.”
E: “a Xunta de Galicia tróuxonos o outro día á confraría uns paquetiños de mascarillas para repartir, non son moitos porque duran poucas horas, pero bueno, se lle fan mais falta aos sanitarios que llas dean. Tamén temos o ERTE, outro tipo de axudas que eu saiba no, falase de que o IVA nolo van a retrasar e que Portos de Galicia creo que tamén quere aprazar os pagos das chabolas, pero aprazar e nada máis.“

Como está sendo a venda do peixe na situación actual? Estades a atoparvos con problemas para comercializar o produto?
A: “para escaseza que houbo ata agora, non se notou que subise o prezo, de feito, a nós non nos variou moito. O noso peixe é máis de cerco. Traballamos con especies peláxicas, a sardiña agora está pechada, pero xurelo, cabala e especies que, aínda que van para o fresco, non son especies que adoitan ir para restaurantes, utilízase máis para conxelar ou para  carnada. Onde se notou moito a baixada foi en todo o peixe que ía para restauración.”
E: “nós vendemos na Lonxa da Coruña e si que é un pouquiño máis difícil. Porque antes ti deixabas o peixe, chegaban os compradores e miraban todo o peixe, agora teñen que comprar po teléfono, a vendedora ten que chamar aos clientes e venderlle sen ver o peixe e non é o mesmo comprar o peixe véndoo que sen velo, se cadra non te arriscas a pagar tanto. Tamén axuda que nesta arte coa que andamos nós collemos, coma quen di, de todas as clases de peixes, entón non nos afecta tanto.“
Fe: “os prezos modificáronse á baixa e na lonxa non se traballa con normalidade, as ventas son máis difíciles. Ao estar pechada hostalaría os peixes finos (rodaballo, lenguado, etc.) e os mariscos non llos vendes a nadie, entón iso ata que a hostalaría arranque vai estar parado. Os mariscadores de a pé están parados porque non hai posibilidade de venda. O marisqueo, a Ría e a agrupación de percebes e de poliquetos están 100% afectados. E tamén os peixes mais caros.”

De seguir nesta situación, de que maneira vai a afectar ao subministro de peixe no mercado?
Fr: “o barco vai ao mar e seguirá indo, así que, peixe vai haber. A xente pode comer peixe fresco tranquila, que sen él non ha quedar.”
Fe: “Si, para que non estivera asegurado o Goberno tiña que paralizar a frota, e non podemos parar de ir ao mar, que comería a xente? Os primeiros días comeriamos as conservas, pero así que se acabaran?”

Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Fr: “Eu penso que nos vai costar moito remontar, polo menos a nós. Penso que vai vir o peor, porque se di que hostalaría vai ser o último que abra e, se non abren os restaurantes, nós imos seguir sen compradores. Aínda cando abran, a xente ten que saír e, se non ten cartos, non o vai facer. Non ten boa pinta, a situación non é cómoda e vai costar.”
E: “penso que o vamos a ter moi crudo, porque hai moita xente metida no paro e isto é unha cadea: se non hai traballo, non hai diñeiro e, se non hai diñeiro, non se gasta.“

E para rematar, que che gustaría engadir ou comentarnos? Agora que a xente de a pé ten a oportunidade de escoitar a alguén dende dentro do sector?
A: “no noso caso, unha axuda para aprazar o pago non é a solución. A solución sería subir algunha cota que é moi reducida e poder pescar máis. Isto axudaríanos a facturar máis e levar mellor esta situación, por suposto, sempre tendo coidado e facéndoo de maneira sostible e coherente. Este é o meu punto de vista. Polo demais, é un problema de todos e todas, por iso temos que achegar o noso gran de area para que se solucione canto antes. O/a que teña que ir traballar que traballe e o/a que teña que quedarse na casa quede.”
F: “os mariñeiros fixemos un esforzo moi grande, fomos ao mar con unhas condicións que non eran as máis axeitadas para que á xente non lle faltara o peixe fresco, e non lle vai faltar! Gustaríanos que valoren isto e o paguen un pouco máis. Non me refiro á xente de a pé, que ao final fai o que pode, tampouco creo que estean para tirar cohetes; refírome a praceiras e exportadores, todos eses si que podían facer un pouco máis e pagalo máis. Á xente de a pé unicamente dicirlles que non tiren tanto de peixe conxelado ou marroquí, os marroquís non nos dan nada, quen dá é a xente de aquí que vai ao mar buscar o peixe.”
E: “debíanlle de dar importancia, xa non só ao sector pesqueiro, senón tamén á agricultura ou á gandería. A nós que nos axudaría moito? Agora xa me dirixo aos políticos, máis cota de peixe. Se houbera máis, facturabas moito máis diñeiro ao ano e movíanse máis postos de traballo. E xa non falo de agora co que está pasando, que isto xa ven de antes.”
Fe: “A ver si remontamos esta situación. Solo dicirlles a todos e todas (eu incluído) que, despois de que isto comece a abrirse, que intentemos apoiar aos noso sectores nacionais, do que sexan. Se podo comprar uns zapatos na zapatería do barrio, non vou a unha gran área. Se hai peixe, carne, froita e patacas de aquí, hai que consumir o produto de aquí. Temos que apoiarnos uns aos outros.”

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024