“Os mariñeiros fixemos un esforzo moi grande, fomos ao mar con unhas condicións que non eran as máis axeitadas para que á xente non lle faltara o peixe fresco”
Estas son algunhas das palabras de Francisco
Manuel Sánchez Neira, quen dirixe a “Cofradía de Pescadores de Mera” en Oleiros
(A Coruña).
Sen gran
parte dos seus compradores polo peche dos restaurantes, con unha redución no
prezo dalgúns tipos peixes case á metade, sumado á dificultade para cumprir as
medidas de seguridade e hixiene dentro dos barcos e a escaseza de axudas
económicas, con todo isto, esta cofradía aínda ten tres barcos navegando para
traer o peixe fresco ás casas.
O patrón maior desta entidade cóntanos, nesta
entrevista concedida ao GALP Golfo Ártabro Sur, como están a vivir a crise do
COVID-19, como valoran a actuación das administracións co seu sector e o gran
esforzo que están a facer os mariñeiros, e aproveita para facer un chamamento á
xente de a pé a que consuma peixe fresco, para que eles poida seguir a frote.
1.
Cal é a situación actual do sector? E a vosa
en concreto? Que vos din de outras cofradías?
A
diferencia a como estaba é grande, porque os prezos están pola metade. A
principios desta semana subiron algo, pero os ingresos non son os mesmos que
antes.
Á cofradía
realmente moito non lle afecta. Aféctalle no sentido de que os barcos
ingresamos menos, pero non temos grandes gastos como poden ter outras cofradías
que si que o están a pasar mal. Nós temos a luz e a auga, pero non temos unha
lonxa, non temos fábrica de xeo e non temos empregados aos que pagarlle a fin
de mes.
Sen
embargo, aos barcos si que nos afecta, nós de feito temos tres en ERTE. Outros
tres estamos traballando porque en dous deles andamos dous sos e noutro andan
catro, non compensaría parar, pero iso xa é cuestión de cada armador e de cada
persoa. Eu, por exemplo, non parei porque estiven dous meses parado por un
cambio de motor e a economía non me permite parar outros dous meses ou mes e
pico, entón teño que ir ao mar.
2.
Como cres que afectou o COVID-19 ao sector? Como
vos está afectando a actual situación de confinamento?
Sobre todo
nos ingresos, porque baixou moito o número de compradores. Unha parte
importante dos nosos compradores traballan no sector da restauración, e con
este sector cerrado, perdemos moita cota de mercado.
3.
Tedes algún caso de contaxio por COVID-19?
Por aquí
non, dentro da nosa cofradía e as próximas, que eu saiba, non.
4.
Que medidas estades a adoptar para evitar os
contaxios?
Adoptar
medidas de seguridade dentro dos barcos é moi difícil. Temos algunhas
mascarillas e guantes que compramos e, o outro día, a Consellería do Mar tamén
nos dou un paquete delas que repartimos entre os mariñeiros, pero coa auga e o
salitre non aguantan, estropéanse deseguida. Tamén intentamos gardar as
distancias de seguridade, pero hai en manobras que nos é imposible, os barcos
xa non son moi grandes. Agora mesmo á Coruña a levar o peixe estou indo eu só
na furgoneta, levo posta a mascarilla e os guantes.
5.
Hai medo entre a tripulación?
Algún medo
hai porque, por exemplo, a lonxa da Coruña ten moitísima xente e estás nun
sitio cerrado. Mentres non empezaron a vender por teléfono e tiñan que entrar
aí os vendedores había moitísima xente. Agora xa non, agora vas, deixas o peixe
e marchas, xa cho pesan e colocan eles e xa fan eles todo, estas alí 5 minutos,
antes tiñas que entrar pesalo ti e facer ti todo.
6.
Que diferencia hai entre cada tipo de frota de
cara as medidas a levar a cabo?
Eu penso
que estamos todos igual, as medidas tanto as fai o cerco como artes menores e
as axudas penso que son todas iguais.
7.
En canto ás EPI´s, como é a situación para
vos? Utilizades a diario, tedes dispoñibilidade, tedes falta, etc.?
Xa che
digo, esta semana déronnos iso, pero se non telo que comprar ti. Eu non sei se
teñen poucas e as reparten entre a xente á que lle fai máis falta, que está
mais exposta a contaxios. Eles tamén estarán apertados supoño.
8.
Que
apoio e información estades a recibir desde as institucións?
A
administración fará o que pode nestes casos claro, tampouco é fácil para eles.
Envían mascarillas e información polo correo das cofradías tamén mandan moita,
sobre o ERTE e sobre se queres coller a axuda do FEMP.
9.
Estades a recibir algunha axuda de apoio a
actividade dende estes? Axudas económicas?
Axudas
económicas que eu saiba non, salvo o do ERTE. Eu agora falo de oídas, polo que
dixeron as xestorías ti fas o ERTE, apróbancho, pero non che garante que vaias
a cobrar ao mes seguinte, parece ser que a xente vai cobrando cando lle cadra.
A nós o mes pasado cargáronnos a seguridade social exactamente igual ca sempre.
Tamén hai
unhas axudas nas que tes que xustificar o 5% de perdas con respecto ao mes
pasado ou ao trimestre pasado, pero moito papeleo e non sabes cando vas cobrar.
Agora mesmo, que eu saiba, non temos nada asegurado.
10.
Como vos está a axudar a Concellería nisto?
A min esta
semana doume un paquete de mascarillas e ás outras cofradías penso que tamén
lle dou. Chamáronme esta semana e déronnolas, pero nada de test de detección nin
guantes, déronnos un paquete de 25 mascarillas e somos 8 mariñeiros traballando.
Son mascarillas destas verdes, como as das enfermeiras, sinxelas. A nós no mar
non nos duran nada, co salitre e coa choiva estropéanse. Valen para andar pola
calle ou no coche para ir levar o peixe e pouco máis.
11.
Que cres que se podería facer diferente/mellor
ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
Mellorar
digo eu que se podería mellorar, agora que todo isto é un caos... Hoxe dinche
unha cousa e mañá dinche outra. Eu penso que nin eles saben o que teñen que
facer nin como poden facelo e, entón, irán así a impulsos, hoxe douche isto e
mañá o outro... A ver se acaba isto dunha vez.
Cando
empezou isto xa era mellorar que parásemos todos, que nos obrigasen a parar ou
a ir ao mar a moi poucos. Tamén nos tiñan que ter dado ao principio todas as
medidas de protección (mascarillas, etc.), instrucións sobre como ter que
traballar, e información sobre liñas de axudas, pero xa naquel momento. Porque
agora xa.. Ti igual aguantas, pero o empregado que vai contigo igual non
aguanta e che di que non vai estar dous meses sen cobrar e que se vai. Como che
dicía antes, non che aseguran co ERTE que vaias cobrar ese mes, vanche a pagar
cando poidan... Tiña que ser todo moito máis rápido.
Tamén
podían coller e dicirche se non vas ao mar ou vas porque te obrigan a ir,
porque somos de primeira necesidade, vale pero a seguridade social non cha
pasamos, conxelámola o tempo que dure isto. Calquera axuda para que a xente
ande un pouquiño máis tranquila. Pero todo é vas e vas e pagas e pagas, non che
queda outra.
12.
Tivestes que solicitar ou facer algún ERTE?
Nós
solicitamos tres ERTE e concedéronnos os tres.
13.
Cambian en función do tipo de frota?
Non, penso
que todos o solicitaron porque ao final non reúnes as condicións de seguridade.
Non estás a metro e medio, non tes as mascarillas, etc. e daquela solicitáronos
por iso, por seguridade da xente. Iso si que o están a conceder, polo menos á
nosa confradía concedéronlle os tres. Nos somos de artes menores pero no cerco
tampouco poden manter as distancias e creo que tamén lle concederon algún ERTE,
tanto xa non sei.
14.
Estades a atoparvos con problemas para poder
comercializar o produto?
Si, na
lonxa da Coruña os barcos van ao mar, pero non hai compradores. A xente colleu
medo, non sae e, polo tanto, non compra. A demanda do produto baixou moito.
Semana Santa normalmente era moi boa semana e, este ano, non subiu nada.
15.
Encontrastes
algunha outra saída para o peixe que se vendía directamente a hostalería, ou
tedes algunha estratexia para poder colocar ese produto no mercado?
Dependemos de hostalaría moito, baixou moito o
prezo por iso. As praceiras e exportadores compran pero non é o mesmo, non
tiran polo peixe como pode tirar o restaurante.
Telo que levar para a lonxa, non che queda
outra, e igual un praceiro ou un exportador che puxan un pouco mais pero nunca
chegan a puxar como un restaurante. Ti non tes outra maneira de facelo, non podes andar vendendo polas
portas porque te xogas o físico e unha multa, tes que levalo para a lonxa e
punto. Tes sorte e vendes ben? Moi ben. Non tes sorte e vendes mal? Mala sorte.
16.
Cal e o peixe que está a ter máis saída nesta
época? E cal era o habitual neste período do ano?
Agora en
Semana Santa tiñan moita demanda o lenguado, o rodaballo ou a centola. Estes
peixes vendíanse moi ben porque os restaurantes abertos e a xente de vacacións
tiran moito, por iso nese peixe que vai caro é no que mais se notou a caída.
Con este
cambio de situación están a ter mais saída outros peixes como a pescadilla
ou a liria. A xente vai a por peixe miúdo,
máis barato, porque terá medo por se non vai cobrar ao mes ou vai cobrar o 70%.
17.
Como vos está a afectar a redución no prezo do
peixe?
Como
dicía, temos menos ingresos. Polo tanto, tamén están saíndo menos barcos. Nós
temos tres barcos en ERTE, dous dos cales son os mais grandes que temos.
18.
A redución no prezo do peixe afecta a todas as
especies? A cales afecta?
Por
poñerche algúns exemplos, nós agora estamos collendo lenguado e mais centola,
pois o lenguado de vendelo a 24-25€ (incluso a 28€) estámolo vendendo a 15-16€
e, a centola, de vendela a 30€ estámola vendendo a 15-16€; o rodaballo de
vendelo a 30 ou 40€ estase a vender a 20-22€ e, a xiba, de vendela a 8-9€
estámola vendendo a 5-6€. É moitísima diferencia!
O peixe miúdo
está máis estable, por exemplo, a pescadilla de vendela a 4€ véndela a 2,5€,
baixa pero non baixa como o outro peixe, pero bueno, pasa co peixe miúdo porque
tampouco están todos os barcos no mar. Outros tamén foron para a xarda, por
exemplo, que de vendela a 1,50-1,60€ estana vendendo a 0,70€. É dicir, si que
baixaron todos un pouco, pero nalgúns notase máis.
O que pasa
é que se ti se vas mirar á praza eses prezos xa non se poden comparar. Na lonxa
baixou moito (aínda que agora parece que quere recuperar un pouco), pero na
praza non podes ver ese efecto porque sempre lle ganan o dobre, iso sempre foi así, o consumidor que
vai comprar á praza non se entera de nada. A nós báixannos 7 ou 8 euros, pero a
eles aínda que llo baixen 1 o 2 euros non notan, sigue estando caro.
19.
E a todos os tipos de artes?
Claro, é o
que che comentaba antes, ti se andas ao peixe fino (lenguado, rodaballo, etc.)
o prezo baixou case á metade.
20.
Entendendo as perdas que supón está situación
para o sector, como vos afecta no voso caso en concreto? Compensa saír para
afrontar gastos?
Compénseche
máis ou compénseche menos, tes que ir. Porque se non che dan axudas e o teu
empregado vai cobrar dentro de dous meses, non che queda outra e é o que fas.
Se non me compensa e teño unhas axudas, pois paro e con esas axudas vou
tirando, pero se non as tes, a pouco que fagas xa fas mais que estando na casa.
21.
De seguir nesta situación, de que maneira vai
a afectar ao subministro de peixe no mercado?
O barco
vai ao mar e seguirá indo, así que, peixe vai haber. A xente pode comer peixe
fresco tranquila que sen el non ha quedar.
22.
Como cres que evolucionará a situación nun
futuro próximo?
Eu penso
que nos vai costar moito remontar, polo menos a nós. Penso que vai vir o peor,
porque se di que hostalaría vai ser o último que abra e, se non abren os
restaurantes, nós imos seguir sen compradores. Aínda cando abran, a xente ten
que saír e, se non ten cartos, non o vai facer. Non ten boa pinta, a situación
non é cómoda e vai costar.
23.
Hai algunha medida ou punto que che gustaría
facer dende xa, de cara a mellorar o traballo na vosa cofradía?
Nós somos sete
barcos, non temos xente asalariada e facemos todo entre nós. Non temos ningún
punto que mellorar, o caso é non ir a peor.
24.
Cres que está a cambiar a forma en que a xente
ve o sector pesqueiro?
Eu penso que seguen
sen ver todo o traballo que hai detrás, a ver se agora se deran conta de que
tamén fixemos un esforzo grande para traer peixe fresco e comezan a comprar o
noso e a pagar un pouqiño máis e non comprar o de importación ou o conxelado. Porque
costa levantarse ás 4 ou 6 da mañá, ir po mar e vir para que á xente non lle
falte o peixe, sobre todo, con estas condicións e arriscándote a contaxiarte.
Compensa? Non. Por que vas? Por que te obrigan e non te axudan.
Eu estou dacordo
en que os sanitarios fixeron moitas cousas e se sacrificaron, pero nos tamén
fixemos moitas e a ver se temos unha resposta por parte da xente.
Para rematar,
Francisco quere deixar unha mensaxe tanto ás praceiras e exportadores
como á xente de a pé: “os mariñeiros fixemos un esforzo moi grande, fomos ao mar con
unhas condicións que non eran as máis axeitadas para que á xente non lle
faltara o peixe fresco, e non lle vai faltar! Gustaríanos que valoren isto e o
paguen un pouco máis. Non me refiro á xente de a pé, que ao final fai o que
pode, tampouco creo que estean para tirar cohetes; refírome a praceiras e
exportadores, todos eses si que podían facer un pouco máis e pagalo máis. Á xente
de a pé unicamente dicirlles que non tiren tanto de peixe conxelado ou marroquí,
os marroquís non nos dan nada, quen dá é a xente de aquí que vai ao mar buscar
o peixe.”
Comentarios
Publicar un comentario