"A xente seguiu comprando, porque a quen lle gusta o pescado do mercado non o quere doutro lado, solo que o facían por teléfono"
Hoxe a “Queda
na casa, queda co noso mar” traémosvos unha entrevista con Sonia Amor,
unha muller traballadora e con moitas ideas. Sonia coméntanos como viviron
dende o seu posto de peixe, no Mercado de Elviña, a situación provocada polo
COVID-19 e como está a avanzar a mesma.
Tamén nos
conta algunhas ideas que puxeron en marcha para facilitarlles a compra aos seus
clientes durante este período e algúns detalles sobre o proxecto que teñen en
marcha, candidato a premio en boas prácticas emprendedoras e en igualdade de
xénero no sector pesqueiro.
Moi
atentos/as!
1.
Como ves a situación actual do sector
pesqueiro? E como cres que afectou o COVID-19?
O do
sector pesqueiro é algo que está
complicado, pero xa dende o principio. Primeiro porque non houbo subasta,
vendíannos por teléfono; por outro lado, polas colas que houbo que gardar, e
hai que seguir gardando, para poder entrar; e tamén porque hai pouco pescado.
Esperemos que a partir de agora, que xa rematou a campaña da xarda, comece a
haber máis cantidade e variedade de peixe para que baixen un pouco os prezos,
porque está un pouco caro de máis, ti date conta que, dende que comezou o
problema do coronavirus, por exemplo, as meigas están indo ao redor de 18€/kilo
e, unha semana antes de que comezara o problema, levaban uns 11-12€/kilo; o
xurelo sardiñeiro vai sempre máis ou menos a 2-3€/kilo e non está baixando de
5-7€/kilo; a choupa estámola vendendo a 7-9€/kilo cando estaba indo a uns
4-5€/kilo; e a merluza tamén pegou unha boa subida.
Eu non sei
ata que punto aos mariñeiros non lles interesa, porque o pescado estase pagando
ben. Igual non se paga ben o de altura ou o que leva moito tempo parado, pero
eu xa che digo que dende que empezou o do coronavirus, está levando moi bo
prezo, porque hai pouca cantidade, ben porque lle afectan os temporais ou ben
porque estiveron coa campaña da xarda e, cando toca a campaña da xarda, van
case todos a ela e escasea o resto do pescado. Agora pararon con esta e empeza
a do bonito e a ver como vai a cousa, o que interesa é que entre cantidade de
pescado e de todo tipo, porque se hai abundancia o prezo baixa.
2.
Como está avanzando a situación?
Agora
mesmo en prezos seguimos igual, eu penso que é porque hai pouca mercancía e
todos queremos levar un pouco, entón pagámolo. Con isto eu estou falando de
prezos de venta ao público. Se vas á subasta é onde ves realmente o que está
pasando cos prezos, porque se están parando as puxas en prezos moi altos.
En canto á
xente, xa empezan a baixar máis ao mercado a mirar e a comparar prezos para ver
cal lles é máis asequible... Pero mentres durou a situación de confinamento non
miraban, chamaban por teléfono e dicíanche quero isto e isto.
3.
Cal foi o nivel de actividade durante o
confinamento? Como influíu nos ingresos?
A xente seguiu
comprando, porque a quen lle gusta o pescado do mercado non o quere de outro
lado, solo que o facían máis por teléfono. Chamaban para encargar pescado para
varios días e non se fixaban moito en prezos nin en nada, solo querían ter
peixe e non cadrar con moita xente nin gardar colas, porque había bastante
medo, entón facíanche o pedido por teléfono e poñíaslle unha hora para vir
buscalo. Salvo días puntuais como a véspera do día do pai ou a fin de semana na
que decretaron o estado de alarma, que foi terrible, non houbo aglomeracións no
mercado. A verdade é que esta temporada co teléfono chegoume porque estaba
seguido sonando.
Agora si
que a xente comeza a vir máis e a comparar máis prezos. E tamén comezan a
aparecer os clientes que son de zonas máis afastadas, porque temos clientes da
Zapateira, de Oleiros, de Sada, etc.
4.
Traballastes con normalidade ou tivestes que
facer algunha modificación?
A parte de
que o concello puxo uns conos de separación dos mostradores e unhas cintas, nós
puxemos tamén unhas cadeas, porque a cinta a xente pasábaa para adiante, e
tamén puxemos unha zona de cobro e entrega de bolsas. O meu home adaptou unha
mesa con unha mampara, na que deixou aberto un cadradiño polo que se pode pasar
unha caixiña coa TPV ou co diñeiro, e ao lado desa mesa, nun dos mostradores,
tiñamos outra caixa máis grande para deixarlle a bolsa ás clientas, para que
non tiveran ningún contacto con nós e así a xente está máis tranquila. A mesa a
verdade é que está chamando a atención, incluso cando veu sanidade ao mercado para
ver como estaban as cousas, nos dixo que lles encantara a idea.
Agora seguimos
con estas medidas e tamén puxemos xel desinfectante na entrada do posto e na mesa
onde pagan e damos guantes aos clientes que nolos piden ou necesitan. E na lonxa
temos que entrar con guantes, mascarilla, o carné de comprador, poñer unha
pegatina na entrada e tamén che miran a temperatura todos os días.
5.
Houbo
algún cambio nas tendencias de consumo?
Eu vin que compraban máis ou menos igual ca
sempre. Onde si que se notou foi no marisco, que estivo parado durante un mes,
soamente tiñamos algunhas centolas de aquí que ían entrando. Pero a xente
demandábao, había persoas que nos dicían que xa que non podían ir a
restaurantes que querían levar marisco para a fin de semana e darse unha
homenaxe na casa. Agora comeza a entrar outra vez e á xente encántalle.
6.
Atopádesvos con problemas para cumprir coas
medidas de seguridade?
No, no
mercado eu creo que a xente foi bastante consciente. Ademais, como che
comentaba, tampouco houbo moito aforo. Escoitabas á xente comentar que como
podía estar a praza tan valeira e o súper con tantísima cola.
7.
Como é a vosa situación en canto a EPI’s?
Utilizades? Tedes suficientes?
Na lonxa
ninguén as daba, tan só unha vez, cando anunciaron que a policía se ía encargar
de dalas, veu a Garda Civil e repartiu unha mascarilla das de quirófano a cada
un na entrada da lonxa, pero foi só un día, o resto tivémonos que buscar a vida
para facernos con elas. Ao principio, como había moita escaseza o que faciamos
era lavalas e desinfectalas como ensinou sanidade. Ao meu marido gústalle moito
facer tarefas de mantemento, foi el quen fixo as mesas, e entón ten de todo e
tiña unhas mascarillas para facer traballos que foron coas que comezamos ao
principio.
Agora
mesmo xa hai, mesmo o Concello as estivo dando durante algúns días.
8.
Que
información, apoio e axuda recibistes e estades a recibir desde as institucións?
O que fixo
o Concello foi poñer os conos. Ao principio puxeron caixas con unhas cintas,
pero chamámoslle a atención porque no Mercado da Praza de Lugo estaban con
conos, e despois xa os puxeron por todo o mercado. Tamén o que che comentaba
das mascarillas, que as estiveron repartindo algúns días entre os que
traballamos no mercado. Para os clientes si que non puxeron nada, estaría ben
darlles guantes.
Eu creo
que fixeron o que puideron, que tampouco tiñan moitas máis posibilidades. Ao
final a todo o mundo lle veu un pouco grande esta situación, ninguén contaba
con ela e foi algo descoñecido.
9.
Tivestes que facer algún ERTE?
No, porque
eu realmente empregada só teño á miña cuñada e hai que aguantar. Ademais, eu
non sei como vai acabar iso dos ERTE’s, creo que vai ser moi negativo en moitas
empresas, porque non sei ata que punto poderán axudar a todas. Por exemplo, a
hostalaría vai quedar moi tocada, porque os bares pequenos non poden sosterse
tendo só un ou dos clientes dentro, non lles da nin para pagar a luz.
Nós
traballamos en alimentación e, a fin de contas, a xente sempre vai ter que
comer, pero se non podes ir a un bar non vas.
10.
Cres que o COVID-19 marcou un antes e un
despois no funcionamento sector?
Por
suposto que si, que a ver, o ser humano tamén é de esquecer as cousas rápido,
pero eu creo que si que ten que marcar un antes e un despois. Como di o meu
marido, toda esta xente maior que está morrendo, foi a que sacou a este país da
miseria e, agora, está así, deberían mirar máis por eles e telos máis en conta.
O que se está vendo é terrible, xente morrendo, xente que está a quedar soa nun
hospital, xente que non pode ir a ver ás súas familias... Eu creo que isto é o
peor e debemos aprender. Tiñamos que ser máis conscientes e ter tomado máis
precaucións e cerrado as fronteiras máis rápido, é moi fácil velo agora que xa
pasou, pero por iso nos ten que servir de lección. A ver se atopan unha vacina
pronto.
En canto
ao sector, a partir de agora pode que a xente chame máis por teléfono, pero vai
ser xente de confianza.
11.
Como cres que evolucionará a situación nun
futuro próximo? E en canto ao futuro do sector pesqueiro?
Eu creo
que se atopan a vacina seguramente se quede aquí, pero se non a atopan pronto a
cousa vaise a complicar. Porque os mariñeiros aí atrás xa se queixaba de que
non poidan ir todos nas furgonetas cando van todos no barco e están alí xuntos,
é absurdo. Para cumprir iso nun barco que van doce persoas terían que ir só 3, terán
que mirar as medidas acorde a cada situación.
12.
Cres que, en xeral, o sector se está adaptando
aos novos avances? E no voso caso?
Eu creo
que si, a xente quere avanzar e poñer máis facilidades.
Nós
intentamos sempre ter ao cliente contento, ofrecer bo produto e bo servicio, iso
é o que mira a xente.
13.
Contades con un proxecto candidato a recoñecemento en
boas prácticas emprendedoras e en igualdade de xénero no sector pesqueiro.
Poderías contarnos un pouco sobre o proxecto?
Nós o que
facemos é poñer o pescado limpo nunhas bandexas, logo envasámolo ao bacío nunha
envasadora e despois colocámolo nunha máquina expendedora. É coma a típica máquina
expendedora de larpeiradas, pero con peixe, a xente mete a moeda e dalle ao
número que quere para elixir o produto. A verdade é que á xente gústalle moito,
porque para a xente que sae máis tarde de traballar é moi cómodo. A máquina
está activa dende que chegamos a primeira hora da maña, que preparamos o
pescado, envasámolo e metémolo na máquina, ata que cerra o mercado. Aínda que o
noso posto estea pechado poden comprar na máquina.
Agora mesmo
non está en funcionamento por culpa do coronavirus, porque tería que haber unha
persoa seguido limpando o teclado.
14.
Como axudades a que os e as máis cativas
consuman peixe?
Os máis
pequenos xa nos coñecen e veñen correndo a buscar o seu ovo kinder. Son moi
simpáticos. Estes días, como non veñen, metiámoslle na bolsa aos pais e
diciámoslle que llo deran e que lle dixeran que non nos olvidábamos deles, e os
nenos xa lle preguntaban aos pais cando chegaban coas bolsas se foran ao
pescado e onde estaba o se ovo.
15.
Que significa, para ti, traballar no mundo do
mar?
Non teño
palabras, eu crieime nisto. Os meus pais xa traballaban no pescado, meu pai
traballaba no porto e miña nai vendía no antigo Mercado de Elviña, e eu
aprendín o que eles me ensinaron. Xa de moi nena, cando miña nai vendía polas
calles co seu remolque e o poñía no barrio das flores, onde viviamos, eu agochábame
entre os arbustos para mirar para ela, encantábame, e logo collía os coitelos e
poñíame a pelar.
Eu son moi
feliz no meu traballo, elixino eu. Miña nai dicíame que non o fixera, que no
pescado hai que traballar moito, e eu dicíalle que me daba igua, que me gustaba.
E así é, encántame estar no meu posto e coa xente. O traballo hai que querelo e
mimalo para verlle o proveito e eu quero moito o meu traballo. Considérome moi
afortunada.
16.
Como ves ti o papel da muller no mundo do mar?
Eu creo
que unha muller que quere traballar pode traballar no mar e onde sexa, porque
unha muller é capaz de calquera cousa que se propoña.
17.
Cres que está a cambiar a forma en que a xente
ve o sector pesqueiro?
O sector
pesqueiro é moi importante, pero eu creo que a xente tenlle moita consideración.
Sempre escoitas aos clientes dicir o duro que é o traballo dos mariñeiros e é
verdade, como tamén son duros a minaría ou a construción. Tenche que gustar, eu
coñezo mariñeiros aos que lles encanta ir ao mar e non entenden doutra cousa.
Se a ti che gusta o teu traballo, vas feliz e non lle ves ese punto negativo.
Para
rematar Sonia coméntanos que a xente debería ser un pouco máis precavida e
consciente ante este tipo de situacións e tamén valorar
o que ten: “o traballo é o que nos permite saír adiante, axúdache a pagar
as facturas e a criar aos teus fillos. Por iso hai que mimalo e, todo o demais,
chega despois. Ademais, agora con tanta maquinaria temos moitas facilidades, o
traballo de meus pais era moito máis duro do que é agora o meu. Por outro lado,
o Goberno debería de axudar máis á xente de aquí que o está a pasar mal. O que
ten un traballo ten un tesouro e, en tempos como os de agora, moito máis.”
Comentarios
Publicar un comentario