“O que hai é que ter son unhas cotas coas que o sector se poida manter”



Esta semana puidemos conversar con Andrés García Boutureira, portavoz da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga), recoñecida como Organización de Produtores Pesqueiros (OPP-82) no ano 2018. Andrés coméntanos ao comezo da entrevista da campaña “Queda na casa, queda co noso mar” que ACERGA engloba a 115 barcos dos 152 que conforman o censo operativo do cerco da comunidade de Galicia, tamén regulan a cota anual da que dispoñen estes barcos, para que poidan pescar ao longo de todo o ano e son, así mesmo, un instrumento de cara a administración, encargándose de tramitar calquera consulta ou fin.  

1.       Como é a vosa relación co resto de partes do sector?
A relación é moi fluída entre todas as partes. Os nosos barcos, ademais de pertencer a asociación, tamén pertencen ás súas cofradías, forman parte da Federación Galega de Cofradías de Pescadores, ca que temos boa relación.

2.       Como estades a vivir esta situación? E como a está a vivir o sector?
Este vai a ser un ano complicado, á escaseza de cotas xa habitual que ten o cerco súmase isto, que ven a complicar tanto a mobilidade das tripulacións para acceder aos seus postos de traballo, como os prezos do peixe. De momento estamos coa campaña da anchoa, temos a frota desprazada en País Vasco e Cantabria, e os prezos que está acadando o produto son bastante máis baixos do normal.

3.       Que información vos chega por parte das empresas e traballadores/as do sector? Que demandan en maior medida?
As principais demandas que temos sempre son en referencia á cota, ao ser tan escasa é o que máis preocupa, ocupa o 90% da problemática que temos.
Tamén estamos tendo moito problema coa mobilidade, polas restricións que hai por causa do coronavirus. Agora mesmo un barco como os que temos no norte, con 10 ou 12 traballadores, tanto para desprazarse ao barco como para vir á casa precisa dun autobús, cando antes se usaba unha furgoneta de nove prazas e algún coche.  Isto fai que o incremento de costes que hai que asumir sexa altísimo, multiplicásenos por dez.

4.       Cambiou a vosa relación co resto de entes do sector durante esta situación? 
Si claro, cambio radicalmente, agora a relación que temos é só telefónica. Somos unha asociación que facemos moitas asembleas, unhas  5 ou 6 ao ano, e cada mes temos como mínimo unha reunión de directiva. Todo isto está suspendido, as decisións que hai que tomar tómanse de maneira telefónica e por WhatsApp.

5.       Hai algunha acción que se estea a levar a cabo ou que se vaia a levar a cabo dende a asociación para axudar ao sector pesqueiro nestes momentos?
Estamos implicadísimos en toda canta problemática repercuta ao noso sector. Por exemplo, hai uns días cando saíu o borrador para a pesca da sardiña nesta campaña, non recollía as nosas aspiracións en canto á pesca e conseguimos cambialo totalmente; agora a orde é completamente distinta ao borrador inicial, e esa foi unha labor feita por nós para a defensa dos intereses dos nosos asociados.

6.       Como cres que lles está afectar o COVID-19?
Xerou moita preocupación ao principio, houbo barcos parados moitos días, algúns incluso se acolleron ao ERTE, pero agora mesmo xa están todos en activo. O problema que estamos tendo agora é de prezos, sobre todo na anchoa, porque a sardiña está empezando e non sabemos como vai funcionar e o xurelo está en momentos baixos de capturas e tampouco sabemos como vai concluír. Pero a nosa preocupación está agora na anchoa que tememos que ocorra o mesmo que está a ocurrir co xurelo.

7.       Hai certo medo entre as persoas que traballan no sector? Cal é a mensaxe que lles transmitides dende a asociación?
Tal vez medo a levar o virus ás súas casas, por iso algún tomaron a decisión de paralizar a súa actividade nun principio. A todo hai que acostumarse, nós somos uns sector que xa de por si traballamos en continuo risco, entón é unha adaptación máis. 

8.       Como é a situación en canto ás EPI´s?
O noso traballo implica traballar codo con codo, a bordo o espazo é o que é, e o roce é continuo. Hai mascarillas para cando chegas a porto, para cando descargas ou para cando marchas para a casa, pero pouco máis podemos ter.

9.       Cres que se están a adoptar as medidas necesarias para frear os contaxios?
Nós tratamos de coidarnos o máximo posible, nos portos e nos desprazamento á casa tomamos todas as medidas esixidas. A bordo o contacto é imposible evitalo polo tipo de traballo que se está a desenrolar, pero de todos modos, tentamos traballar dunha forma segura para todos. Polo tanto, pouco máis se podería facer nese sentido.

10.   Que cres que se podería facer diferente/mellor ou deixar de facer para mellorar a situación?
O que necesitamos ter son unhas cotas cas que o sector se poida manter e iso brilla pola súa ausencia, o que implica que se está pasando mal. Como xa sigo, é iso o único que necesitamos, o caladoiro podería aguantar máis esforzo pesqueiro nalgunhas especies do que se está levando a cabo, e polo contrario, estamos castigando a unha especie como o xurelo por falta de alternativas.
Isto tampouco é que veña de agora, xa pasa dende o ano 2013 que se fixo o reparto individual por buques. Nese momento foi cando dende esta asociación nos demos a coñecer e fixemos todo o posible para que iso non seguira adiante, ata tivemos unha acampada de 93 días diante da Xunta de Galicia, cos barcos parados e sufrindo, pero todo quedou como estaba. Por dicilo dalgunha maneira, con nós cometeuse un crime, deixóusenos sen alternativas de pesca en especies como a xarda ou o xurelo, e con sensación de ruína. Houbo algún armador que tivo que vender o barco.

11.   Que información ou apoio estades a recibir dende as institucións? E que lles estades a reivindicar?
Reivindicamos información sobre todo o que nos incumbe a nós, toda a lexislación e normativa. Calquera orde antes de ser publicada, as administracións sacan un borrador que nós recibimos para poder mandarlle alegacións. Isto é o que precisamos para poder seguir garantindo os nosos dereitos.
Axudas non temos, oxalá non se necesiten! Agora están mirando un borrador de axudas polo COVID-19, pero aínda está en borrador. O bo para o sector sería non necesitar axudas.

12.   Están a atoparse con problemas para poder comercializar o produto? De seguir nesta situación, de que maneira vai a afectar ao subministro de peixe no mercado?
O noso peixe sempre ten saída porque pouco vai para fresco. As conxeladoras son quen o compra, entón ese problema non o temos. O caso é que o peixe teña un prezo razoable que compense a inversión económica e que dea para cubrir os gastos e os salarios das tripulacións. Pero sen embargo, isto non está sucedendo, sobre todo na anchoa; no resto de especies dependerá do que se alongue esta situación polo COVID-19. Agora, o xurelo que estamos pescando, por exemplo, está indo case todo a fresco e a un prezo bastante bo.

13.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Iso é unha incerteza. Todos estamos expectantes en canto ao que vai ocorrer.

14.   Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un despois no funcionamento do sector?
Si, dende logo xa o está marcando. Estamos vendo que vai ser un ano complicado, tiñamos postas moitas esperanzas na costeira da anchoa e non está sendo boa. Para os barcos que van a esta costeira supón ata un 50% da facturación anual, co cal, se os prezos continúan neste ritmo, vaise a complicar moito a situación para moitos barcos.

15.   Cres que está a cambiar a forma en que a xente ve o sector pesqueiro?
Todo é pasaxeiro, pódense concienciar algo mentres estemos así, pero eu creo que somos os grandes descoñecidos pola opinión pública. Os barcos solo se coñecen nos portos, atracados nos peiraos cando se vai a pasear. Non se coñece a maneira de traballar, estou seguro de que a maior parte da poboación galega non sabe como se traballa no cerco. Hoxe en día o mundo está montado así, de costas ao mar, evolucionou dunha maneira na que xa non se ten en conta nada disto.

Andrés remata cunha afirmación de moito interese para todos e todas: “o cerco e o sector do mar, sobre todo aquí en Galicia, son fundamentais. Se nós desaparecemos, os pobos da costa van quedar despoboados. Xa hai moito éxodo cara as cidades e se falla o sector do mar sería o remate. Se queremos manter tanto a tradición como a vida nos pobos, somos moi necesarios.”

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024