“Eu o teño claro, como de aquí a dous meses non saia unha vacina efectiva, vémonos abocados a que de aquí a setembro ou outubro, máis ou menos, o 50 ou 60% da frota estea amarrada”
Juan Carlos Corrás aporta unha visión
máis global do sector pesqueiro á campaña “Queda na casa, queda co noso mar”.
Como xerente da asociación PESCA
GALICIA-ARPEGA-OBARCO, unha asociación de armadores integrada por
42 buques: 14 de bandeira española, 13 dos cales traballan no arrastre litoral
e no cantábrico noroeste e un no Gran Sol; e 28 de bandeira británica, francesa
ou alemá, que son barcos de capital español abandeirados noutros estados. Isto
é por culpa do problema de España coas cotas, foron a rexistrarse a outros
países para poder seguir traballando. E,
por
outro lado, como presidente de FREMSS (Fundación para ou
Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social), unha fundación de interese
público e cuxo obxectivo é fomentar e promocionar todo aquilo que ten que ver
coa pesca, dándolle unha visión distinta, tendo en conta a protección dos
recursos e do medio ambiente. Consideramos, como pescadores, que isto é moi
necesario. Tamén ten outra dimensión que ten que ver coa economía e coa
sustentabilidade das empresas, dos pescadores e das súas familias. Non queremos
quedarnos só co tema ambiental, queremos ter esa dimensión social que ás veces
lle falta á Unión Europea, de protexer aos peixes e tamén a quen os pesca.
1.
Como é a relación destas asociacións co resto
de partes do sector?
Temos
relación a diversos ángulos. O máis local é a nivel de autoridade portuaria, no
noso caso estamos no Porto da Coruña. Logo temos a nivel concello, que é unha
relación máis limitada, polo tema das normativas das administracións hai moitas
cousas que non afectan directamente ao concello. Temos outra dimensión autonómica,
a través da Consellería do Mar e da Xunta de Galicia, neste caso algunhas
actuacións compétennos directamente e outras dependen de Madrid, da Secretaría
Xeral de Pesca, por iso moitas veces vémonos limitados ou incapacitados para
que a nivel da comunidade autónoma se poida desenvolver, facilitar ou
promocionar máis ao sector pesqueiro. Todo isto tamén está supeditado ao
requirimento das institucións europeas, porque ao final a Política Pesqueira
Comunitaria é a que establece as normativas xerais a nivel europeo.
2.
Como estades a vivir esta situación? E como a
está a vivir o sector?
Como
para todos, é unha situación nova. Eu entendo que para os distintos gobernos
son momentos de incerteza e difíciles, non houbo nunca nada semellante e a
todos está a pillarnos por sorpresa.
A
nós estanos afectando moito. Estamos moi preocupados porque se nos está a dicir
que somos un sector esencial, pero non estamos a ver que este sector esencial
poida ser rentable, e non temos dereito a ningún tipo de axudas. A Unión Europea
está sacando agora unha liña de axudas, pero veremos finalmente como son de
aproveitables, a ver se o barco que estivo a traballar con poucos beneficios,
ou mesmo perdas, pode lograr algún tipo de axudas, porque iso non se está
dicindo, pero hai barcos que están a ter
perdas e seguen traballando.
No
sector hai de todo un pouco. Hai quen tivo que parar por depender moito da
hostalería e hai quen seguiu traballando. Tamén temos moitos altibaixos nos
prezos, houbo unha semana moi baixa porque a xente acumulou moito ao principio,
despois subiron un pouco e, agora, baixaron outra vez. Hai moita incerteza
económica, xente que quedou sen traballo, outros en ERTE, outros non saben cando
van cobrar... E isto xera baixadas nos prezos claro.
3.
Que información vos chega por parte das
empresas e traballadores/as do sector? Que demandan en maior medida?
Vémonos
incapacitados ao non dispoñer dos equipos de protección individual necesarios
para poder desenvolver o noso traballo, máxime tendo en conta que somos un
sector esencial e xa de por si, no sector pesqueiro, traballamos no mar en
condicións adversas durante practicamente todo o ano. Vemos esa falta de apoio
no sentido de que non temos eses equipos e esas proteccións que necesitamos a
pesar de que as estamos demandando. Entendemos que hai dificultades e que, se o
propio goberno non ten para dar a sanitarios, que están en primeira liña, non
terá para nós, pero si que vemos con perigo, dificultade e medo ter que seguir
traballando expostos a este risco.
4.
Hai algunha acción que se estea a levar a cabo, ou que se
vaia a levar a cabo, dende as asociacións para axudar ao sector pesqueiro
nestes momentos?
O
que estamos a facer é reunións continuamente a todos os niveis (asociación,
fundación, lonxa) para buscar fórmulas ou solucións, aínda que é difícil atopar
solucións a un problema que descoñeces. Propoñemos ás administracións dar algún
tipo de axuda máis directa ás frotas, porque o que saíu ata o de agora son
préstamos e pouco máis, isto é, aprazar os problemas que tes agora a dentro de seis
meses. Cremos que esa non é a solución, o que non pode pagar agora non lle vai
a beneficiar nada ter que pagar o dobre de cotas dentro de seis meses. Ademais,
se falan de que hai sectores que non se van a recuperar ata dentro dun ano ou
dous, se aínda encima dentro dese tempo te tes que poñer a pagar créditos e
aprazamentos de débeda...
5.
Como cres que lles está afectar o COVID-19?
Vivimos
coa preocupación de que a situación sexa ou non sostible no tempo. Tivemos algo
de respiro coa baixada dos prezos do petróleo, pero é momentáneo, mentres non
se recuperen os prezos a un nivel que che permitan, xa non che digo ter
beneficios, senón polo menos non perder...
Coñecer
os beneficios que o peixe aporta á saúde e ao sistema inmunolóxico aumentou que
a poboación o estea demandando un pouco máis, pero isto non suple a carencia
que temos pola perda da canle horeca. A parte dos gastos adicionais que estamos
a ter polo tema de máscaras, hidro-xeles,
limpezas e desinfeccións.
Así
podemos aguantar un mes ou dous, pero non podemos aguantar seis meses ao 30 ou
40%, necesitamos que se recupere a demanda. Algúns aguantan mellor e outros
peor, sobre todo o marisqueo e a pesca de baixura que dependen máis da canle
horeca están a pasalo realmente mal, coa maioría deles sen ningunha actividade.
Como
non se recupere pronto corremos o perigo de que moitas das empresas pesqueiras
teñan que pechar as súas portas.
6.
Hai certo medo entre as persoas que traballan
no sector?
Si, xa non só o medo natural pola
garantía da saúde dos usuarios do porto, pescadores e toda a comunidade
portuaria, senón tamén medo en canto a que vai ser do noso futuro. Como dicía,
se cadra aguantas quince días malvendendo o produto, pero non aguantas tres,
catro ou cinco meses como parece que se está propoñendo. Din que ata finais de
xuño non se vai a recuperar a actividade comercial nun 50 ou 60%, e iso vai ser
insuficiente para soster a actividade pesqueira durante todo o ano. Necesitamos
axudas directas que permitan ao sector poder soster a actividade en parámetros
normais. A ver se aparece por fin unha vacina máxica que nos permita saír da
lameira a todo o mundo.
7.
Como é a situación en canto ás EPI´s?
A través da Xunta de Galicia e da Consellería do Mar,
conseguimos mascarillas para subministrar ao sector en todo o seu conxunto.
Repartimos entre buques, pescadores, comercializadores, empregados da lonxa e
mesmo usuarios, para que teñan posibilidade de acceder a estes equipos. Realmente
hai bastante carencia, nós volvemos a pedir unha tanda delas e están retidas en
china. Ademais, son mascarillas de usar e o tirar, e ao final terías que estar
repartindo cada día para que foran suficientes. Igual que tampouco podemos
facer test todos os días, e pode que cho fagan hoxe e non esteas contaxiado
pero mañá se cadra si. A única solución
viable é que salga unha vacina.
8.
Que cres que se podería facer diferente/mellor
ou deixar de facer para mellorar a situación?
A
nivel europeo están a darse unhas normas que nós cremos que non están moi
rexionalizadas. A pesar de que se fala da rexionalización, ao final vemos que
se seguen as directrices que marcan os países do norte, cando aquí temos outras
frotas con distintas formas de traballar. Isto acaba socavando a rendibilidade
das frotas. Non ten nada que ver como se traballa no Mar Céltico, no cantábrico
noroeste, nas costas de Galicia, nun barco do Gran Sol, nun barco do litoral ou
no marisqueo a pé. Son completamente distintos.
Tamén
estamos a ver que se está reactivando a importación doutros países, e estamos a
sufrir directamente, porque temos que competir con eses produtos nun mercado
que está moi limitado e mermado. Ao
mellor a UE e España deberían limitar a entrada deses produtos de terceiros
países para protexer a produción nacional, sobre todo nestes momentos.
9.
Houbo algún ERTE entre os buques que pertencen
a estas asociacións?
Temos
algunha frota paralizada e algúns que desde o mes de febreiro ou marzo, ante o
temor dalgún problema ou ter que quedar paralizado nalgún porto estranxeiro, xa
decidiron non saír. Somos un sector esencial e, en teoría, non temos dereito a
axudas, se non saes é un problema teu porque a administración diche que saias a
traballar, pero se che pasa algo? Houbo barcos que preferiron alongar a
estancia en porto, que igual tiñan pensado saír en marzo ou abril e decidiron
esperar un par de meses para empezar a actividade, sobre todo os que van ao
Gran Sol.
Noutras
frotas, por exemplo a de litoral, coincidiu coa campaña da xarda e estiveron
dirixíndose a esa campaña e máis ou menos foilles ben, con certas limitacións na
súa capacidade de almacenamento. Agora acabouse a campaña da xarda e están a saír
a pecar un pouco de todo e coa incerteza de que a poboación poida asimilar toda
a produción, se non caerá cada vez máis o prezo.
10.
Están a atoparse con problemas para poder
comercializar o produto? E con problemas de prezos?
O
que se está vendo é que se que se están abrindo novas canles e potenciando
moito a venda online e por teléfono. Tamén está habendo moita mobilización por
redes sociais e moita información sobre os beneficios de consumir peixe. Todo
isto estanos dando un plus importante, aínda que non chega a compensar a gran
perda que temos pola canle Horeca.
11.
Como cres que funcionará esta campaña?
(Anchoa)
Obviamente mal, polo que vin estaba a
uns prezos ridículos, un céntimo de euro a unidade de anchoa, eu creo non son
prezos competitivos nin rendibles. Entón que teña que paralizar esa frota como
parece que está a suceder non son boas noticias, a ver como segue desenrolándose.
12.
Como cres que evolucionará a situación nun
futuro próximo?
Nós non vemos o futuro con boa
perspectiva, vémolo cheo de incertezas, saes a pescar e non sabes se vas
vender, pero sabes que tes uns gastos fixos cada día e vas a acumulando unha
chea de gastos que non sabes se vas cubrir, vendo o que está a pasar por aí
adiante, o máis probable é que non os cubras.
Eu
o teño claro, como de aquí a dous meses non saia unha vacina efectiva, vémonos abocados
a que de aquí a setembro ou outubro, máis ou menos, o 50 ou 60% da frota estea
amarrada.
13.
Cres que o COVID-19 pode marcar un antes e un
despois no funcionamento sector?
Eu penso que si, xa non no sector
pesqueiro, senón en xeral. A ver se sirve para darse conta de que hai que
protexer aos sectores primarios, tanto o pesqueiro como o da agricultura ou o
gandeiro. Eu creo que son sectores básicos e estratéxicos que calquera país
debe protexer.
Doutra banda, teñen que cambiar moitos
os parámetros e protocolos de prevención para tentar garantir o máximo posible
a saúde dos traballadores e da poboación. Temos como exemplo os países
asiáticos, que non tiveron tanto contaxio, en canto teñen unha gripe ou un
catarro xa poñen as mascarillas. Moitas veces é preferible quedarse na casa que
saír a traballar. Aquí temos a cultura contraria, imos traballar aínda que
esteamos malos, iso temos que cambialo.
Tamén os gobernos teñen que ter un
pouco máis de anticipación a este tipo de problemas, iso levounos á falta das
EPI’s.
Juan Carlos conclúe esta entrevista
enviando a súa mensaxe de apoio ao sector: “eu creo que os sectores primarios
que estiveron traballando en condicións moi duras. Hai que poñerse na pel dos
tripulantes dun barco, que teñen familias na casa pasándoo mal, mesmo con algún
caso positivo ou metido na uci e eles teñen que seguir no mar. Somos esenciais,
pero somos persoas e temos familias que o están a pasar francamente mal. Eu creo
que a xente viu e valorou iso, por iso pedirlles que siga así no futuro e que sigan
consumindo peixe. Tamén dicir ás comercializadoras que tenten trasladar ese
prezo baixo aos consumidores, para que poidan consumir peixe. Ao longo destes
anos estivo baixando o consumo e creo que é unha boa oportunidade para
recuperalo.”
Comentarios
Publicar un comentario