Nestes intres é máis importante ca nunca aplicar a tecnoloxía nos negocios e vender “experiencias”, para chamar a atención desa persoa que está no salón da súa casa



Ángela Barrán, praceira no Mercado de San Agustín, presidenta da asociación “Muller Mar” e coñecida no sector por ser unha muller creativa e innovadora. Unha muller todoterreo coa que tivemos o pracer de conversar esta semana en “Queda co noso mar”, para coñecer de primeira man como están vivindo esta situación no mercado e tamén as mulleres do sector.
Ademais, Ángela quixo transmitir algúns consellos para poder saír adiante a todas as súas compañeiras e compañeiros.

1.       Como praceira no mercado de San Agustín, como ves a situación actual do sector pesqueiro? E como cres que afectou o COVID-19?
Eu penso que o coronavirus tivo unha parte moi positiva para o mercado. Por un lado, moita xente redescubriu as prazas de abastos, sobre todo a xente nova, que vivía ao carón dos mercados pero non os coñecía por dentro. Coas colas que se formaban nos supermercados e nas grandes áreas remataron por vir e atoparse moito máis seguros e descubriron unha relación calidade-prezo que non tiñan noutras superficies e o día a día do mercado: non sempre hai o mesmo, non vai sempre ao mesmo prezo e non ten sempre as mesmas calidades. Era o punto de inflexión que levabamos moito tempo buscando, pois non sabiamos como chegar a esta xente nova, unha xeración que non ten a costume de vir á praza porque se criaron cos centros comerciais.
Por outro lado, tamén trouxo consigo que os mercados tiveran que poñerse a punto. Nesta pandemia o que aprendemos todos é que, se non nos adaptamos ás novas tecnoloxías e aos novos tempos, é imposible continuar. De feito, a meirande parte dos mercados implementaron o servizo a domicilio, algo que non o tiñan, outros plataformas de venta online e outros a través de redes sociais. Foi un punto no que, ou entrabas dentro da mecánica de adaptarte ás novas tecnoloxías, ou quedabas atrás. Estabamos na tecnoloxía 2.0 cando tiñamos que estar na 5.0 e tivemos que dar pasos axigantados para poñernos ao día.  Se chegou a xente nova é porque se implementaron as canles para que chegara.

2.       Cal foi o nivel de actividade durante o confinamento? Como influíu nos ingresos?
O mercado funcionou con total normalidade. É certo que durante as primeiras tres semanas houbo unha rotación entre as peixerías, sobre todo, e non traballabamos todas todos os días, pero sempre estaba algunha aberta. A partir da terceira semana xa comezou a funcionar todo con normalidade. E respecto ao resto de postos, excepto os que estaban obrigados a estar pechados por Real Decreto, o resto tamén funcionaron coma de costume. 

3.       Estades a atoparvos con problemas para vender o produto?
Problemas para vender o produto non houbo, a xente seguiu comprando, só que en lugar de vir a comprar todos os días, viñan un día ou dous á semana e gastaban máis, para ter peixe para varios días.
Onde si nos atopamos con problemas foi para comprar nós o produto, porque ao suspenderse a poxa na lonxa da Coruña, non se podía acceder tan facilmente aos produtos. De feito, unha das reclamacións era que non era viable chegar ao porto á 1-2 da mañá para coller un número e entrar na lonxa ás 5-6 da mañá e, durante todo ese tempo, ter que estar fóra pendente do teléfono porque as distintas casas poxadoras ían colgando as especies que tiñan para que souberas o que había. Non é o mesmo comprar por teléfono que en directo, nin é o mesmo o prezo que colle o peixe nunha poxa que en venta directa.
Outro dos “handicaps” que eu me atopei foi que costaba moitísimo atopar marisco, sen embargo, si existían clientes de marisco, porque é un cliente que igual está acostumado a comer fóra ou darse un capricho cando chega a fin de semana e por que non o ían facer estando na casa? Pero non existía esa oferta do marisqueo ou do percebe, houbo un momento no que nin estaba permitida a súa captura e, sobre todo, porque o que escoitaba a xente era que tiñan que parar porque non había quen llo comprara. Entón, en canto a prezos, non é o mesmo que existan catro vendedores de camarón que un, o prezo vai ser moito maior que nunha situación normal porque temos máis demandantes que oferta.

4.       E con problemas de prezos?
Se comparamos os prezos cos do ano anterior, xa vemos que nunca se pagaron estes prezos, eran como de Nadal. Que quedaba ben de prezo? As pezas que ían para restauración, pero o resto non. De feito, a min chamoume moitísimo a atención o prezo da meiga grande, que ía a 18€ o quilo, como lle vendes iso a unha persoa? E aínda lle tes que sumar porcentaxes, pensarán que a estás atracando e, sobre todo, coas noticias que saían dende os distintos portos de que a mercadoría ía moi por debaixo do seu prezo. Entón aí tivemos un problema que aínda persiste a día de hoxe, pero polo menos xa se implantaron as poxas.
O produto que foi para as casas mantivo ou, incluso, incrementou os prezos; as pezas que ían para restauración baixaron, porque a xente para a casa non quere ese tipo de peixe e o mar dá o que dá, non podes escoller.
E, en canto a restauración, tampouco creo que as ventas nos restaurantes a partir de agora sexan tan grandes como para asumir todas esas capturas de peixes grandes como o rodaballo, a robaliza ou a pescada. Probablemente seguirá manténdose o prezo, non baixará máis pero tampouco creo que suba mentres non se normalice a situación. Pero é normal, está pechada unha parte moi importante do sector. Por poñer un exemplo, unha robaliza de 3 quilos hoxe pagábase a 15€, algo que se mo dis fai un ano diríache... imposible! Porque robalizas desas, directamente, nin as vías, xa tiñan compradores específicos. O mesmo coa cococha de pescada, que agora mesmo témola na praza e antes era impensable.

5.       Houbo algún cambio nas tendencias de consumo?
Si, foi un cambio moi grande. Por un lado, a xente xa non compra todos os días, organízase para comprar unha, ou como moito dúas, veces por semana; os servizos a domicilio nos mercados municipais favoreceron que os clientes que non podían vir especificamente ao mercado comezaran a comprar, pois entregábanche a mercancía na casa ou mesmo no lugar de traballo; e por outro lado, hai clientes que descubriron que facer determinadas comidas na casa tamén é moi boa opción, sobre todo, tendo en conta a situación actual. Todo isto, favoreceu moitísimo aos mercados de abastos.

6.       Que medidas estades a adoptar para evitar contaxiarvos?
Primeiro o aforo no mercado está bastante limitado. Logo usamos as medidas de protección necesarias como  mascarillas, que por fin son obrigatorias; e guantes, gorro e mandil, aos nós xa estamos acostumadas. Mantemos a distancia de seguridade co cliente, os nosos mostradores xa son de máis de un metro dez de profundidade e estamos mantendo un metro e medio. Os propios clientes organízanse de tal xeito que as colas son moi controladas. E, por suposto, contamos con xeles desinfectantes.
Ademais, no noso posto temos para sacar número, entón a xente pode ir polo resto do mercado comprando en lugar de facer cola e, isto, fai que a compra teña menos esperas. E tamén hai moita xente que agora xa che pide por WhatsApp, incluso che piden videochamadas para ver o mostrador e xa che encargan o que queren. Igual 10-15 clientes ao día che piden así e non están fisicamente no mercado.
A xente empeza a relaxarse un pouco agora e tes que recordarlles algo máis que garden as distancias, sobre todo a xente maior, que comeza a saír agora da casa e atópase con unhas normas que antes non existían.

7.       Que información, apoio e axuda recibistes e estades a recibir desde as institucións?
Ao principio non atopabamos mascarillas en ningures e o Concello facilitóunolas e, máis adiante, tamén nos facilitou pantallas protectoras. Do resto de institucións non recibimos máis que os correos nos que che ían indicando os protocolos a seguir, que moitas veces ata eran contraditorios, porque un dicía unha cousa e outro outra.
Unha das cousas que eu comentei bastante é que nun mercado de abastos, coa cantidade de vendedores que somos, debíanse facer estudos epidemiolóxicos ou test de detección, porque seguramente haxa moita xente asintomática. Nos lugares con tanto volume de xente, deberían ter implementado este tipo de medidas de control, porque estamos a falar de que somos 60 persoas vendendo ao mesmo tempo, sen contar aos clientes.

8.       Tivestes que facer algún ERTE?
Houbo un, pero foi deses negocios que foron obrigados a pechar. Nos tamén estivemos pechados ao principio pero foi porque eu estiven enferma e son persoa de risco, non por ERTE.

9.       Ademais, es a presidenta da asociación de “Muller Mar. Poderías comentarnos cal é a vosa labor no sector?
Muller Mar” é unha asociación formada por mulleres dos distintos sectores do mundo da pesca (dende unha peixeira ata unha bióloga), que se unen por ter unha serie de características en común: problemas de conciliación, problemas na formación, problemas de visibilidade e problemas no sentido de que a meirande parte dos postos de responsabilidade, aínda que agora está empezando a cambiar, están ocupados por homes cando o colectivo é maioritariamente de mulleres, que moitas veces son invisibles. Eu sempre poño o caso das redeiras ou das mariscadoras, porque son traballos que están infravalorados e que, sen embargo, teñen un valor incalculable e unha labor fundamental para continuar a cadea.
A asociación busca darlle visibilidade a todo isto, que afecta a moitos sectores dentro da pesca. Agora máis que nunca, temos que poñer en valor os nosos oficios e o turismo nacional, porque se as mariscadoras lle amosan a alguén como é un día de marisqueo e o esforzo que supón coller un só quilo de berberechos,  botando horas e horas dándolle ao raño para sacalo e estando baixo as inclemencias do clima para que che veña unha toxina e che bote todo a perder,  a xente valoraría máis o que ten no prato e quizás non pensaría que “é moi caro”.
Creo que nese sentido a asociación ten que ter unha visibilidade moitísimo maior.

10.   Que información vos chega por parte das traballadoras do sector? Que demandan en maior medida?
O problema máis grande foi nas zonas de marisqueo, que pecharon e deixaron na casa a moita xente, ou oficios como as redeiras, que viron pechada de repente a súa canle de venta e deixaron de ter esa entrada de ingresos. Tamén todo o turismo mariñeiro viu paralizada a súa actividade e aínda está por abrir agora mesmo.
Toda esa xente o que pregunta é cando poden volver a traballar e de que maneira teñen que facelo.

11.   Que lles transmitides dende a asociación?
Que nestes intres é máis importante ca nunca que apliquen a tecnoloxía nos seus negocios e que traten de vender experiencias. Para ter un futuro, temos que conseguir chamar a atención desa persoa que está no salón da súa casa, para que teña ganas de descubrir a ruta dos faros, o faro de Fisterra, os acantilados das nosas costas, as nosas rías, unha batea, etc. Temos unha cultura riquísima arredor da que vive toda a comunidade, porque o mar e o agro son pilares fundamentais para a nosa economía e industria.

12.   Como ves ti o papel da muller no mundo do mar? E como cres que o ven as persoas externas ao sector?
Moitas veces infravalorado. Por sorte, as cousas van cambiando. Xa non existen oficios de homes e oficios de mulleres e, o que non o queira ver, é que está cego; pero aínda sigue habendo un principio de discriminación non positiva no momento no que para unha muller é difícil poñerse ao fronte dunha institución ou asociación.

13.   Que cres que se podería facer para mellorar a situación das mulleres do mar?
Pouco a pouco temos que ir collendo relevancia e poñendo en valor todos estes oficios, porque aos patróns e aos mariñeiros todo o mundo os ve como grandes homes e traballadores, pero que pasa coa señora que está arranxando as redes? Ou coa muller que coida de que a mercadoría do mariñeiro chegue ben á lonxa? Todos eses traballos non se ven, algúns nin teñen un nome, e todos e todas deberíamos ser igual de visibles. Por sorte, xa somos moitas as que petamos na mesa.

14.   Hai algunha acción que se estea a levar a cabo ou que se vaia a levar a cabo dende a asociación para a axudar ás mulleres do sector pesqueiro nestes momentos?
Agora mesmo estamos intentando agrupar as distintas visións que hai no colectivo do mar e achegando os produtos do mar a través das redes sociais.

15.   Praceira no mercado de San Agustín, presidenta da asociación de Mulleres do Mar e coñecida no sector por ser unha muller moi creativa e innovadora, como ves o futuro do sector? Cres que podemos falar dun sector pesqueiro 5.0?
Temos que chegar a ser un sector 5.0, porque senón moitos quedarán no camiño. A tecnoloxía ten que chegar ás lonxas e ás prazas de abastos, tense que compartir nos centros de investigación, biolóxicos e mariños, porque é importante e fundamental para que todo o sector sexa visible.

16.   Que lle aconsellarías aos teus compañeiros e compañeiras do mercado para non quedarse atrás e poder adaptarse aos novos cambios?
Aconsellaríalles deixarse aconsellar. Os cambios non son para mal, senón para mellorar. Moitas veces asumir eses cambios dá medo porque cambian a forma na que ti estabas acostumado a facer as cousas e pode ser difícil adaptarse, pero son cambios necesarios para poder vivir e non sobrevivir. O mundo avanza e nós temos que avanzar con el, porque aí é onde está o futuro. Non vale ter na casa a última cafeteira que fai todo soa e no posto facer todo de xeito tradicional. Moitas veces quedarse no tradicional o que fai é que perdamos á clientela nova, que nos demanda outro tipo de canles, xa se viu con esta situación que, se llas das, veñen.
Á xente que veu ao mercado gustoulle o noso produto, porque é de cercanía, fresco e de calidade; o peixe que tes nunha peixería non o atopas en ningún supermercado, porque dende que está pescado ata que chega á praza non pasan máis de 6 horas. E tamén pola confianza que lles damos, eu sei cales son as mellores tempadas, que receitas se poden facer en función da tempada, cando están os produtos en veda e cando non se deben coller, incluso lles podo recomendar recunchos para visitar. Todas esas cousas tamén suman valor.

17.   Cres que o COVID-19 marcou un antes e un despois no funcionamento sector?
Indudablemente, marca o inicio dunha nova etapa.

18.   Cres que está a cambiar a forma en que a xente ve o sector pesqueiro?
Si, porque cambiaron os seus hábitos e a percepción que tiñan do mercado. Antes podían pensar que era máis cómodo ir ao súper, pero viron que non, e todo isto favoreceu ao sector minorista.
E isto tería que vir acompañado tamén dun favorecer nas lonxas e deixar de ser a clase desfavorecida, porque somos maioría, non minoría, e temos que facernos ver e dicir que xa está ben, temos que tirar entre todos e todas deste carro. Ao final este é o principio polo que se crea “Muller Mar”: unha soa non fai nada, pero todas xuntas facemos moito.

19.   Para rematar, agora que á xente de a pé ten a oportunidade de escoitar a alguén do sector, que lles dirías?  
Gracias, sinceramente téñolle que dar as gracias. Porque confiaron en nós e nos amosaron o camiño que debemos seguir para que isto funciones. Son os propios clientes e clientas as que nos amosan as canles para chegar  a eles/as e, debido ao coronavirus, puidemos detectar onde estaba o noso fallo e onde tiñamos que estar e  non estabamos e, por sorte, soubemos reaccionar.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024