A situación na lonxa respecto ao coronavirus vivímola con moito respecto, porque tivemos unha actividade (mais ou menos) do 50%
















Este semana temos en “Queda na casa, queda co noso mar” a José Luis Otero, xerente da lonxa da Coruña, para comentarnos como evolucionou a situación da lonxa durante todo este tempo, dende que comezou o estado de alarma.

1.       Como estades vivindo esta situación na lonxa? Cal foi o nivel de actividade durante o confinamento?
A situación na lonxa respecto ao coronavirus vivímola con moito respecto, porque tivemos unha actividade (mais ou menos) do 50%, reduciuse á metade.

2.       Como cres que afectou o COVID-19 ao sector? Como vos está afectando a situación actual? Como está avanzando a situación?
Cando empezou o tema do coronavirus afectounos bastante polo tema dos prezos, baixaron moito porque a xente non saía a comprar e, isto, retraeu moito a demanda. A xente está acostumada a ver o pescado, e se non o ve, cóstalle máis comprar. Agora mesmo a xente comeza a saír un pouco máis e van aumentando os compradores. Tamén nos afectou que houbo momentos nos que non se puido realizar a puxa, a venta facíase de xeito online ou por teléfono.

3.       Tedes algún caso de contaxio por COVID-19?
Sei que dúas empresas das que traballan no porto tiveron un caso cada unha, pero non afectou a ninguén máis, porque no primeiro síntoma xa quedaron na casa e cumpriron todo o protocolo.

4.       Que medidas estades a adoptar para evitar os contaxios? Tedes un protocolo de actuación actualmente definido? Atopádesvos con problemas para que a xente o cumpra?
Controlamos a temperatura ao entrar na lonxa e durante a puxa insístese en que se garde a distancia de seguridade, a xente vaino respectando bastante.

5.       Cres que desde as institucións se están a adoptar as medidas necesarias para evitar os contaxios? E para axudar ao sector?
En canto ao sector pesqueiro non o sei. Na lonxa as medidas que se están adoptando son as que ten que cumprir todo o mundo neste tipo de espazos: gardar as distancias.

6.       Notades medo entre a xente e o persoal das instalacións? 
Eu a este medo chamaríalle máis ben respecto. Algo de medo temos todos e todas no corpo, o que intentamos é cumprir as normas para combater ese medo.

7.       En canto ás EPI´s, como é a situación para vos? Utilizades a diario, tedes dispoñibilidade, tedes falta, etc.?
Ninguén nos dou EPI’s. Usamos mascarillas e guantes pero todo o conseguimos nós, a Xunta non nos dou nada.

8.       Como vos está a axudar a Concellería nisto?
A verdade é que non podemos opinar porque tampouco lle demandamos ningunha axuda.

9.       Que cres que se podería facer diferente/mellor ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
Esta pregunta é máis ben para os científicos. Todos falamos do coronavirus pero non sabemos que é, de onde ven nin que vai pasar. Non sabería contestar.

10.   Tivestes que solicitar ou facer algún ERTE?
Non.

11.   Estades a atoparvos con problemas para poder comercializar o produto? E con problemas de prezos?
Na lonxa sempre hai comercializadores que queiran o peixe. Agora, que eles teñan problemas despois para chegar ao consumidor final, xa non o sei. Na lonxa demanda houbo.

12.   Como ves a situación da lonxa da Coruña respecto á de outras lonxas?
Non sei como están as outras lonxas. A da Coruña está ben, se tes material para vender e tes compradores que o queiran, que máis podes pedir? O único que pediríamos sería que subiran un pouco os prezos, non para manter á lonxa en si, senón a todos os produtores que, se non teñen nin para pagar o combustible cos prezos que lles dan, ao final acabarán amarrando.

13.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Non o sei, non sabes como vai reaccionar a xente. A situación algo vai mellorando no sentido de que a xente sae máis da casa e, entón, tamén compra máis, pero os prezos non melloraron.

14.   Hai algunha medida ou punto que che gustaría ter feito, de cara a mellorar o voso traballo ante esta situación?
O Goberno, por un lado, dinnos que temos que abastecer o mercado e, polo outro, pon trabas para abastecelo e non se lle dá á mercancía o valor que debería. Por exemplo, a bordo dun barco como gardas dous metros de distancia? É un pouco contraditorio.

15.   Cres que o COVID-19 marcou un antes e un despois no funcionamento sector?
Máis que do sector eu creo que das persoas. Todos os sectores se ven afectados, sexa agrícola, gandeiro, pesqueiro, industrial ou automobilístico. Porque as persoas, agora mesmo, igual pensan “non vou comprar un coche porque non sei que vai pasar mañá co meu traballo, igual cerra a empresa” e non é que non necesiten o coche, pero agora mesmo hai esa incerteza. Eu penso que pasa isto con todos os sectores.

16.   Cres que está a cambiar a forma en que a xente ve o sector pesqueiro?
Si aplicamos o sentido común, imaxino que si. Imaxino que a xente valorará poder ir á peixería ou, senón, ter a posibilidade de chamar por teléfono e que che leven o peixe á casa, porque é moi nutritivo e ten moitas vitaminas, incluso haberá xente que teña unha enfermidade e necesite comelo dúas ou tres veces por semana. Imaxino que o valoran, igual que eu valoro ao maquinista dun tren que ten que traballar por se preciso ir a algún sitio. Hai moita xente esforzándose e arriscándose.

17.   Para rematar, que mensaxe che gustaría trasladar?  
Temos que seguir aplicando o sentido común para que isto acabe pronto e volva todo á normalidade. E ao sector pesqueiro darlle as grazas polo esforzo, dende o sector estractivo ata o último consumidor, eu poñeríalles un 12 sobre 10.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024