“Nós somos traballadores do réxime especial do mar, traballamos nese sector, entón, non entendo por que veñen axudas da Unión Europea para traballadores do mar e se nos exclúe”



Unha visión moi diferente para “Queda na casa, queda co noso mar” é a de Andrés Pena, presidente da Agrupación de Mariscadores da Ría do Burgo, un colectivo que leva sen traballar dende que comezou o estado de alarma e que, para máis, se atopan excluídos das axudas da Unión Europea para traballadores e traballadoras do mar.
A isto súmanse outros problemas que o sector xa viña arrastrando, pois levan moitos anos loitando polo dragado da Ría do Burgo, parado ante a situación de crise provocada polo COVID-19: “o dragado fainos moita falla, estamos traballando ao 18% da capacidade, a Ría do Burgo necesita unha rexeneración xa” comenta Andrés, quen tamén nos comenta que, de seguir nesta situación, os mariscadores da Ría do Burgo rematarán desaparecendo.

1.       Como vedes a situación actual do sector pesqueiro? E a vosa situación en concreto?
Eu podo falar da nosa situación. Agora mesmo estamos sen traballar por culpa da situación creada polo coronavirus. Con hoteis, restaurantes e bares cerrados... quen nos quere o marisco? Ninguén. Nós temos un só comprador que depende de vender o produto directamente a este tipo de locais. É certo que acaban de abrir as terrazas e na fase 2 van ir abrindo os locais co 50% de aforo, pero eu non creo que iso chegue. Ao principio non vai ter moita saída o marisco, creo que a cousa vai tardar en normalizarse. Entón nós estamos na casa.

2.       Cal foi o nivel de actividade durante o confinamento? Como influíu nos ingresos?
Nós paramos de traballar o día 13 de marzo, xusto un día antes de que o Goberno anunciara o estado de alarma, e levamos todo este tempo sen traballar, confinámonos eses dous meses. Agora parece que comezan a abrir algunhas cousas de novo, pero para nós, é o que che comentaba, ata que se normalice un pouco a situación e o noso comprador teña saída para o marisco, non creo que cambie a situación.
Tampouco é que estivésemos ganando moito, porque a ría está moi mal e cada vez hai menos ingresos, pero estando na casa aínda hai menos. Solicitamos a axuda por cese de actividade para autónomos e esperamos que veña aprobada, porque levamos dous meses sen traballar, por agora, e a xente ten que pagar igualmente o seguro, a hipoteca, a luz e a auga... Estamos fastidiados e, o peor de todo, é a incerteza de non saber cando imos empezar outra vez.

3.       Houbo diferencia entre distintos tipos de marisqueo?
Eu creo que está todo o mundo máis ou menos igual. Nós extraemos moluscos (ameixa, berberecho, etc.). Penso que algunhas rías, pola zona de Arousa e ás que lles compraba algún parque, algo si que traballaron, pero moi poucas e foron moi poucos días. Eu penso que, a nivel Galicia, está todo o mundo parado, o que é o marisqueo, despois o da pesca de altura ou percebeiros xa non sei.

4.       Como cres que afectou o COVID-19 ao sector? E como está avanzando a situación?
De momento estamos na fase 1, eu vexo que vai moi lento. Creo que o confinamento fixo efecto, tivo os seus resultados en canto a número de contaxios e mortes. Pero aínda temos moito que seguir loitando e agora vai ser máis difícil, porque vai abrindo todo e hai máis riscos. Eu espero que a xente sexa responsable. Hai que ser conscientes e ter cabeza para seguir mellorando, se hai un rebrote sería moi malo para todos.

5.       Estades a atoparvos con problemas para poder comercializar o produto? E con problemas de prezos?
Claro, nós agora o maior problema que temos é que, aínda que quixeramos ir á ría, non teríamos a quen venderlle o produto. Xa fai moitos anos que temos só un comprador que distribúe o marisco a restaurante e bares, pero se estes están pechados, a quen se llo vende? Entón el xa non nolo quere, é normal. Mentres a hostalaría non avance, nós tampouco.
En condicións normais, este mes é bastante bo, os peores meses sempre son xaneiro e febreiro, pero para todo, non só para a pesca. En marzo comeza a recuperar algo o prezo e, en Semana Santa, xa sube. Agora mesmo xa estaríamos ben, só que pasou isto e estamos parados. Dentro do pouco produto que hai, o que se está vendendo está máis ou menos igual en prezo. Estas rías que che comentaba que foron uns días traballar, pillaron ameixa xapónica e vendérona un euro ou dous máis baixa, está ben. Eu confío en que cando abra estea mais ou menos igual. Se te fixas, alimentación está aínda máis cara, ti vas a comprar peixe e está case tanto ou máis caro ca antes.

6.       Notastes ou seguides notando medo ante a situación?
Eu creo que esta situación non nos vai favorecer nada aos mariscadores. Hai moita incerteza, porque non sabemos cando imos volver a traballar, cando volvamos non sabemos se o produto vai ter saída, se baixará o prezo... Son moitas cousas. E a iso súmalle a posibilidade de volver para atrás, que oxalá que non!

7.       Atopadesvos con problemas para cumprir coas medidas de seguridade?
Nós non fomos a traballar aínda dende que comezou isto, non sabería dicirche. Sei que no punto de venta e na embarcación pois teriamos que usar mascarillas, porque estamos todos xuntos, e tamén habería que mirar de separarse, aínda que na embarcación é difícil porque son pequenas. Despois na ría creo que non habería moito problema, porque aí a xente anda moi espallada, hai cancha de sobra para estar separado.

8.       Tivestes algún caso?
Non cho podo asegurar porque non estiven con eles, só falamos por teléfono. Que eu saiba non.

9.       Que información, apoio e axuda recibistes e estades a recibir desde as institucións?
Eu que quedei bastante decepcionado co tema das axudas europeas a verdade. Son unhas axudas para o sector do mar, polo tanto, pensaba que iamos entrar, de feito, nun principio viña que entrariamos tanto percebeiros como mariscadores. Ao final mandaron un fax á Federación de Cofradías conforme o marisqueo non entraba nestas axudas.
Entón solicitamos as axudas por cese de actividade para autónomos, unhas que che dan se tes unhas perdas superiores ao 75%. Supoño que nos virá aprobada pero aínda non sabemos nada.
En marzo non a puidemos solicitar porque fomos traballar algún día, pero agora, solicitamos a de abril porque si que non fomos traballar nada, ou sexa, temos perdas do 100%. E imaxino que a de maio teremos que volver a solicitala, porque chegados xa a este punto, a traballar non creo que poidamos ir.

10.   Que cres que se podería facer diferente/mellor ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
A min estráñame o das axudas europeas. Nós somos traballadores do réxime especial do mar, traballamos nese sector, entón, non entendo por que veñen axudas da Unión Europea para traballadores do mar e se nos exclúe. Entra a pesca de altura e a acuicultura, e nós non. Estou bastante decepcionado con este tema.
Por outro lado tamén está o tema do dragado da ría. Xusto antes de que isto comezara, tiñamos o dragado da ría a punto de caramelo, estaba practicamente rematado e non creo que nos favoreza en nada isto. O dragado fainos moita falla, estamos traballando ao 18% da capacidade, a Ría do Burgo necesita unha rexeneración xa.

11.   Como cres que evolucionará a situación nun futuro próximo?
Eu o futuro, para nós, o vexo moi mal. A Ría do Burgo cada vez está peor e levamos pelexando por isto moitísimos anos e, xusto agora que tiñamos case todo listo, xa estaba o proxecto rematado, tan só faltaba poñelo no BOE e comezar a obra, ven xusto ven esta pandemia. Oxalá siga para adiante todo, pero eu o dubido bastante, porque agora mesmo priorizarán outras cousas. Sen embargo, nós estamos afogados, dependemos moito do dragado. Imaxínate que agora non chegamos a 100 mariscadores, somos 60 mariscadores de a pé e uns 30 e algo nas lanchas; pero no ano 2.000 eramos uns 300 mariscadores e, nos anos 80, eramos uns 2.000. Imos mermando, imaxina dentro de dez anos, seremos menos, ou desaparecemos directamente, porque a ría está inservible, non ten moito lodo e o marisco non se cría, non ten capacidade para reproducirse. Entón, non se lle poden dar carnés á xente para que veña mariscar, se se xubila un non podemos meter a outro porque non hai produto, houbo xente que o deixou porque tiña perdas. Cada ano faise un estudo para saber canto recurso hai e para cantas persoas, se hai recurso para 50 persoas, non podes poñer 70, porque entón en vez de traballar un ano, en oito meses acabamos o de todo o ano. Se a ría estivera ben igual podiamos ser máis.

12.   Cres que está a cambiar a forma en que a xente ve o sector pesqueiro?
Eu case diría que non, é a miña opinión.

Andrés, para rematar, coméntanos que, aínda que el está a falar polo meu colectivo, agora mesmo hai moita xente pasándoo moi mal e debemos ser solidarios e pensar en todos e todas: “Nós estamos fatal, levamos dous meses sen cobrar un duro, pero coma nós está moita xente. Autónomos, tendas, bares... Oxalá isto se recupere canto antes para todos e todas, porque uns tiramos polos outros. Se vai ben o restaurante, vou ir ben eu e tamén o que lle leva a carne e todos os demais.”



Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024