“Esta situación colleu aos patróns sen ter as redes aquí, e ao non llas mandar, de momento non hai moito traballo”
Esta semana puidemos conversar con María, unha
das tres redeiras de Lorbé que quedan. María participa na campaña “Queda
na casa, queda co noso mar” para contarnos como é a situación actual
das redeiras, unha profesión á que cada vez se dedica menos xente: “traballo
hai moito, o que non hai é quen o queira facer”, comenta nesta entrevista na
que tamén valora como lles afectou a crise do COVI-19 e algunhas iniciativas que se están a levar a
cabo para impulsar a súa profesión.
1.
Como vedes a situación actual do sector? E a
vosa situación en concreto? Como vos afectou o COVID-19?
Eu estou
na casa. Nós armamos redes para os barcos do porto de Lorbé, tráennos a rede, a
corda e o fío e temos que montala. Esta
situación colleu aos patróns sen ter as redes aquí, e ao non llas mandar, de
momento non hai moito traballo.
2.
Seguides a traballar con normalidade ou
tivestes que facer algunha modificación?
De momento
viñemos para a casa porque non había traballo mentres non lles chegue o
aparello aos mariñeiros. Se nos viñese
traballo iríamos a traballar á nave, sempre que se puidera claro, porque
tampouco se pode andar dun lado para o outro coa situación actual. Eu, ademais,
dependo de que me leven, e iso xa é mais complicado.
3.
Poderíase desenvolver o voso traballo dende a
casa?
Poderíamos
traballar dende a casa sempre que houbera traballo. Pero para a nosa comodidade
e a dos mariñeiros e mellor que traballemos dende o local e, dunha vez que o
pagamos, traballamos alí, porque temos todo á man. Ademais, para os barcos
tamén é máis cómodo ter o aparello xa ao lado do peirao.
4.
Como está a influír o COVID nos ingresos?
Non temos
ingresos porque non estamos traballando.
5.
Notades medo ante a situación?
Si, porque
non sabes en que vai a quedar isto. Por un lado, dende que comezou todo isto,
fóronse perdendo moitos postos de traballo, igual hai familias que están todos
na casa. E por outro lado, tampouco sabes onde te podes contaxiar, porque é
unha cousa que non ves, non sabes quen está infectado e quen non. E se tes
persoas maiores contigo, aínda peor, non podes andar de un lado para
outro.
6.
Que
información, apoio e axuda estades a recibir desde as institucións?
Non temos
información diso. Non solicitamos nada, nin tampouco creo que puideramos facelo
porque somos autónomas e non temos moitos gastos. Os gastos que temos son a
seguridade social, o aluguer da nave, e as facturas, pero non é o mesmo que
poñer tamén o material, a nós tráennolo os barcos. Hai autónomos, coma os
albaneis, que van a traballar e teñen que comprar materiais, e isto non é o
noso caso.
Axudas par
cubrir estes gastos que temos non sabemos delas, tampouco miramos nada a verdade.
7.
Como é a vosa situación en canto a EPI’s? Utilizades?
Tedes suficientes?
Cada unha
comprou as súas mascarillas e quedámonos na casa. Dende que decretaron o estado
de alarma só coincidimos un día na nave porque nos quedara un traballo empezado.
Tamén volvemos a ir por alí fará unha semana ou dúas e cada unha levou as súas medidas
de protección (mascarillas e guantes) e gardamos a distancia entre nós, aínda
que iso xa o faciamos antes, que a nave é moi grande. Se coincidimos na nave
non temos ningún problema para cumprir coas medidas.
8.
Cres que a situación actual pode complicar o
relevo xeracional?
Pode que
si. Aínda que nalgunhas zonas as asociacións de redeiras teñen mais persoas,
aquí a situación non é tan boa, non hai tanta xente a traballar neste oficio.
Na sociedade somo tres, dúas traballamos na nave e unha terceira traballa na
casa, e céntrase especificamente nun barco. O traballo do resto dos barcos que
veñen ímolo facendo entre as dúas que traballamos na nave, o que podemos claro
está. Ao ser tan poucas non damos feito todo o traballo que nos chega, entón xa
non nos comprometemos, porque non nos imos poñer a traballar horas e horas para
non dar acabado o traballo a tempo.
9.
Como se suple a falta de redeiras en canto ao
traballo que hai que realizar?
Se vemos
que é moito traballo para nós as dúas, dicímoslle que non o podemos facer.
Entón e lévanas a outro sitio, buscan a outras redeiras, pero nós non imos enganar
a ninguén.
10.
Como ves o futuro das redeiras?
Non sei,
traballo hai moito o que non hai é quen o queira facer. Eu creo que ás novas
persoas que queren traballar de redeiras esíxenlles moito. Antes aprendías ti o
oficio a base de traballar, pero agora esíxenche cursos e moitas cousas, e a
xente xa non se anima a comezar.
11.
Que cres que se podería facer diferente/mellor
ou deixar de facer para mellorar a vosa situación?
Eu creo
que deberían esixir menos. Eu non teño ningún estudio, non teño o bacharelato,
nin ningún FP e, agora, hai que facer como un FP para ser redeira. Había xente
xa entrada en idade que quería aprender a facer na rede, pero así a maioría bótanse
para atrás.
12.
Notades máis interese pola vosa labor despois
de iniciativas como o curso de redeiras de Sada?
Non sei
como están agora as redeiras de Sada. Estiveron un ano loitando e traballando,
e paréceme que non lles valeu de nada. Non sei se aínda seguen facendo cursos, pero
ás que estiveron alí todo ese tempo, oxalá llo aprobaran, malo será que algo
non aprenderan e, polo menos, había alguén para traballar no oficio e evitar
ter que mandar o traballo a fora.
Ao mellor se
foran cursos máis sinxelos ou máis prácticos, nos que non se lles esixira tanto,
axudaban a que a xente se animase mais. Tamén á persoa lle ten que gustar e ter
interese polo oficio. Para sacar un salario como redeira, hai que ter moita
paciencia, porque hai que botar moitas horas, e unha rede logo se envolve. Isto
non é coller, poñerte e nun anaco ir tomar un café. Aínda que, cando lle colles
a rutina é mais levadeiro.
13.
Como cres que evolucionará a situación nun
futuro próximo?
Non sei,
está moi mal. Non che podo contestar porque as cousas están tan revoltas que
non sabes como vai acabar.
14.
Como ves a situación para o sector pesqueiro?
Moi mal,
estanos acurralando por todos lados, todo son impostos. Teñen que pagar moitísimo
e venden o peixe a un prezo moi baixo; pero despois ti vas á praza e velo polas
nubes, quen leva a ganancia é o que está polo medio, os mariñeiros son os que pasan
os traballos. Todo o mundo ten que traballar, pero cos mariñeiros están acabando,
aprétanos por todos lados.
O que
tiñan que facer todos os que están metidos no goberno era vir unha temporada a
traballar ao mar e ás pesqueiras, así habían mirar doutra maneira por nós. Que
eles están aí catro anos e saen con unha xubilación boa e poden ir traballar e,
os demais, non nos axudan en nada.
15.
Cres que está a cambiar a forma en que a xente
ve o traballo do sector pesqueiro en xeral?
Moita
xente dase conta, pero non teñen empuxe para facer unha protesta. Había que
botarse á calle e moverse, porque a cada paso, isto está peor. Eu creo que nos
debían axudar máis. Eu vexo aos que veñen e descargan o peixe en Lorbé e teñen
que pagar, despois van para a Coruña e teñen que pagar tamén, non é normal.
Nós como
redeiras pagámoslle a Portos, temos un aluguer da nave e, a maiores, pagamos unha
porcentaxe do que fagamos. Tampouco se quedan atrás con nós, un non se pon rico
de traballar.
16.
Para rematar, agora que á xente de a pé
ten a oportunidade de escoitar a alguén do sector, que lles dirías?
Cada un
ten que mirar por si e moverse como pode, non podes andar esperando a que o
Goberno che dea nada.
Comentarios
Publicar un comentario