A ría do Burgo convértese nunha grande aula ambiental para divulgar a riqueza mariña do Golfo Ártabro Sur

 

A contorna da ría do Burgo (Culleredo) converteuse durante toda a maña de hoxe nunha inmensa e fermosa aula ao aire libre para divulgar e concienciar sobre a riqueza da fauna e da flora deste tipo de ecosistemas mariños, ao tempo que se deron as claves para gozar deles sen danalos. Os alumnos foron unha trintena de usuarios de tres entidades que atenden a persoas con diversidade funcional no territorio do GALP Golfo Ártabro Sur: Aspronaga (Asociación pro persoas con discapacidade intelectual de Galicia), Aspanaes (Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista) e Aspace (Asociación de pais de persoas con parálise cerebral). 

 



Tras a benvida oficial por parte de José Garrote, secretario do GALP Golfo Ártabro Sur, e da concelleira delegada da Área de Participación cidadá, Educación e Medio rural de Culleredo, Yessica Méndez Sánchez, a xornada dividiuse en tres grandes actividades polas que foron rotando cadanseu grupo burbulla. O programa incluía avistamento de aves e recoñecemento de flora intermareal, anelamento científico e un obradoiro para construción de niños repartidas, respectivamente, polo Paseo Marítimo do Burgo, o exterior do Xardín Botánico e o interior da Aula de Natureza Juan Lembeye. 


Para que serven as aves?
Provistos de prismáticos e telescopios, e tomando como referencia fotos sobre as principais especies que habitan ou visitan este espazo intermareal, a monitora foi dando conta das peculiaridades e das características propias de cada unha. Outra parte importante desta clase maxistral foi recordarlle aos rapaces a importancia que teñen estes animais no conxunto do ecosistema mariño. O avistamento de aves, explicou, ademais de ser unha entretida actividade de ocio é un indicador do que pasa na natureza xa que, a través da comparativa entre os censos, pódese determinar se hai algún problema no medio natural. Neste sentido, recordouse a necesidade de mantelo limpo para que as aves poidan alimentarse dos insectos e das plantas nun espazo libre de lixo ou doutros elementos que o contaminan. Precisamente, e relacionado con isto último, a parte de recoñecemento da flora mariña ligouse coa súa importancia esencial para a vida da fauna avícola. 




Baixo a atenta mirada dos tres grupos de alumnos, a parte de anelamento científico foi dirixida por un experimentado anelador profesional con especies que capturou previamente en tres redes situadas en lugares estratéxicos do Xardín Botánico. Entre outras, un picapeixe (Alcedo atthis) que foi anelado por primeira vez en Ponteceso, dixo, un paporroibo (Erithacus rubecula), un picafollas (Phylloscopus collybita) de só 7 gramos, pero moi revoltoso e vizaz, un ferreiriño negro (Periparus ater) -ao que el mesmo lle puxo o primeiro anel no mesmo sitio había uns anos- ou unha lavandeira real (Motacilla cinerea), que os rapaces viron como se collía directamente da rede situada sobre un dos regatos que desembocan na ría. A clase foi o lugar propicio para falar tamén de cores, forma da cola e das alas, sons que emiten, rutinas ou agachos,… características que dan as claves para identificalas. 



A última actividade consistiu na construción de dous tipos niños para paxaros da familias dos páridos, como os ferreiriños, e da dos motacílidos, como as lavandeiras, que as tres entidades colgarán nos seus xardíns a unha altura de entre 2,5 - 3 metros e con orientación sur, para escapar do vento do nordés e da chuvia. Unha destas reproducións tamén a cederon ao GALP Golfo Ártabro Sur para adornar a súa sede en recordo do día. Como curiosidade, as caixas son unha invención do Grupo Naturalista Hábitat, entidade que impartiu os obradoiros. Están fabricadas a man con madeira reciclada de palés e impermeabilizadas só con produtos naturais tales como aceites e nogalina.
 

 




A natureza non ten fronteiras
Esta xornada promovida polo GALP Golfo Ártabro Sur forma parte do seu programa anual de actividades dentro da súa Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (DLP) a toda a poboación dos concellos de Arteixo, A Coruña, Culleredo, Cambre, Oleiros, Sada e Bergondo, que integran o seu territorio de actuación. En concreto, encádrase no capítulo “Actividades sobre inclusión social e laboral na economía azul e de natureza medioambiental”. 

Este tipo de encontros son un exemplo máis das moitas posibilidades que ofrece a natureza como ferramenta vehicular para potenciar un bo funcionamento cognitivo, espertar a memoria, a imaxinación ou a creatividade. Por iso, desde o GALP tamén queren animar a todas as entidades de inclusión social do territorio a presentar proxectos relacionados coa protección da contorna ás subvencións europeas que xestionan, tal e como se promovía a través do Proxecto Tanza. De feito, como enfatizaron desde Hábitat, “a natureza non ten fronteiras de ningún tipo”.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024