O proxecto de relevo xeracional “Mocidade Abordo” arranca en tres institutos do territorio GALP Golfo Ártabro Sur

Cunha gran acollida e moitas expectativas, arrancou no territorio do GALP Golfo Ártabro Sur o proxecto “Relevo 2. Mocidade Abordo”, unha iniciativa colaborativa promovida xunto con outros grupos de toda Galicia como son os GALP Ría de Vigo-A Guarda, Ría de Pontevedra, Ría de Arousa, Golfo Ártabro Norte e A Mariña-Ortegal.

No noso territorio participan catro aulas de 4º da ESO dos IES O Mosteirón e Isaac Díaz Pardo de Sada, e o David Buján, de Cambre. Máis dun cento de rapaces coñecerán o potencial do sector para explorar todas as oportunidades que ofrece e encamiñar un futuro laboral ligado ao mar e á pesca.


O proxecto, que se desenvolverá en dúas anualidades entre 2021 e 2022, ten entre os seus obxectivos poñer en valor o sector pesqueiro en termos económicos, dando a coñecer a demanda real existente para diferentes postos de traballo, así como todas as saídas profesionais.

Máis aló das profesións histórica e tradicionalmente ligadas ao mar, e de sobra coñecidas por todos, como a de mariñeiro, armador, redeira,… o obxectivo é que “os rapaces coñezan de primeira man o gran potencial desta actividade económica que deriva cara á outras profesións como as vinculadas coa I+D, a eficiencia enerxética, a sostibilidade, a xestión de residuos, o turismo, o ocio náutico, a acuicultura, a economía circular ou a economía azul, entre outras moitas”.

De feito, a entidade acaba de editar a publicación “Profesións do mar” na que inclúe unha completa relación das máis de cincuenta titulacións de ciclo básico, medio, superior, graos, mestrados ou formación complementaria, así como os centros de ensino de toda Galicia onde se imparten. Outros capítulos dedícanse aos itinerarios formativos e a unha relación de profesións do mar máis tradicionais, nas que tamén fan falla novos traballadores.

 Neste último trimestre do ano, en cada un dos centros participantes en “Relevo 2. Mocidade Abordo” impartiranse tres sesións de 50 minutos de duración, en horario de mañá ou de tarde, os luns, mércores ou vernes.

 

O mellor exemplo, en primeira persoa
Ademais das sesións co equipo docente, o alumnado recibirá nos seus institutos a visita de profesionais do sector pesqueiro ou de entidades vinculadas a el que lle contarán a súa experiencia e os achegarán ao mundo laboral da actualidade.

 Como colofón, e para complementar a formación e información recibida nas aulas, os rapaces que o desexen terán a posibilidade de optar a unha praza de embarque nun buque de pesca en activo para coñecer e vivir en primeira persoa a experiencia do traballo do mar en Galicia.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024