O GALP Golfo Ártabro Sur continúa apoiando a recuperación da cultura mariñeira co I Curso de velería para embarcacións tradicionais

O peirao de Oza, no Concello da Coruña, acolleu esta mañá de sábado a primeira xornada do I Curso de velería para embarcacións tradicionais promovido mais financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur e impartido pola Asociación Os Patexeiros. A formación, que hai semanas cubriu as 12 prazas dispoñibles, está dirixida por profesionais deste campo nas instalacións da empresa Finishterra Sails. As próximas sesións terán lugar igualmente todos os sábados pola mañá (9.45 a 14.00h) ata finais de novembro (30/10 e 6, 13, 20 e 27/11), tendo unha duración total de 24 horas.

 


O alumnado deste curso aprenderá a manexar a máquina de coser, reparar velas, confeccionar fundas de botavara, lonas de fondeo, replicar velas tradicionais a escala e tamén reciclar velas vellas, lonas ou PVC en liña coa economía circular e a redución de residuos no sector pesqueiro.


 A través desta iniciativa, o GALP pretende investir na formación dos profesionais do mundo do mar para seguir preservando a cultura e a tradición mariñeira do noso territorio. A iniciativa conta tamén coa colaboración do Concello de Sada e da Federación Culturmar.

 Anteriormente, o GALP Golfo Ártabro Sur impulsou outras formacións para recuperación e preservación da nosa tradición mariñeira como varias edicións dun curso de carpintería de ribeira.




Comentarios

Entradas populares de este blog

Enmalle Studio

En marcha los nuevos proyectos para la convocatoria 2025

Éxito rotundo na convocatoria de axudas 2024