O Maridar III promove a riqueza dos produtos do mar e da terra da comarca das Mariñas
O GALP
Golfo Ártabro Sur acudiu ao evento profesional e lúdico cun estand propio para
informar e divulgar o labor da entidade
A última fin de semana de setembro, o Galp Golfo Ártabro Sur acudiu cun estand propio á feria "Maridar: 3º Encontro Sabor das Mariñas" promovida pola Federación de Asociaciones Empresariales de As Mariñas (FAE). Esta 3ª edición do evento profesional celebrouse no paseo de Santa Cristina, en Perillo (Oleiros), despois de que as dúas anteriores se celebrasen en Sada e Culleredo. Igual que nas dúas anteriores ocasións, o Maridar III foi financiado polo GALP Golfo Ártabro Sur para o seu desenvolvemento.
O intenso programa de eventos, gastronómicos, lúdicos e profesionais que incluía o Maridar III prolongouse desde a tarde do xoves 23 ao domingo 26 de setembro para que veciños e visitantes puidesen gozar coa riqueza dos produtos do mar e da terra da comarca das Mariñas.
Ao acto inaugural, que foi presentado por Aida Pérez, secretaria da FAE, acudiron o presidente do GALP Golfo Ártabro Sur, Alberto Castro García; os alcaldes de Oleiros e Sada, Ángel García Seoane e Benito Portela, respectivamente; o alcalde de Abegondo e presidente da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, Antonio Santiso Miramontes, e a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.
A representante da Consellería do Mar aproveitou a ocasión para destacar o papel dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) na promoción dos recursos do mar e no desenvolvemento das economías costeiras. En concreto, referiuse ao “traballo ben feito” polo GALP Golfo Ártabro Sur xa que esgotou todo o crédito da súa estratexia para o período 2014-2020. “Cando as estratexias van de abaixo á arriba teñen moito máis valor”, sinalou Susana Rodríguez que tamén agradeceu aos organizadores do encontro o seu traballo para que “citas coma esta sigan sendo unha realidade”.
En liña co discurso da responsable de Pesca, Alberto Castro García recordou que o éxito obtido polo GALP Golfo Ártabro Sur no programa actual é un estímulo e orientación cara á elaboración da súa nova Estratexia de Desenvolvemento Local Participación (EDLP) de cara ao novo programa FEMPA 2021-2027.
Proxectos subvencionados polos GALP
Desde
o posto do GALP Golfo Ártabro Sur ofreceuse información sobre a actividade da
entidade, dos proxectos realizados e dos novos en marcha como Relevo II,
Pasaporte REMA, Oficios do Mar, Faenando no Golfo Ártabro, entre outros. Durante
a inauguración, a comitiva institucional percorreu cada un dos postos das
empresas participantes e, desde o GALP, aproveitouse a ocasión para explicar á directora xeral de
Desenvolvemento Pesqueiro aqueles proxectos subvencionados pola entidade con
fondos FEMP europeos, como por exemplo: Ensa (Escola de Navegación de Sada), o
complexo deportivo-hostaleiro After Surf, na Confraría de Sada, na Reserva da
Biosfera e Terras do Mandeo, en Juan García Pesca e no Concello de Oleiros.
Acceso á galería de fotos en Facebook>> https://www.facebook.com/media/set/?vanity=galpartabrosur&set=a.1102812446790530
Comentarios
Publicar un comentario