As experiencias vitais e formativas do alumnado de Relevo2020 protagonizan o acto de peche do proxecto
Despois de máis dun ano de actuacións en 5 territorios GALP, entre eles o GALP Golfo Ártabro Sur, máis de 50 concellos implicados, ducias de alumnos e alumnas, centros de ensino de secundaria, visitas a entidades do sector pesqueiro e encontros con profesionais, o proxecto Relevo2020 chegou á súa fin. O acto de clausura tivo lugar o xoves 21 de outubro pola tarde no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela).
A iniciativa, coa que se puxo enriba da mesa a necesidade de relevo xeracional no sector pesqueiro e de formación e información aos máis novos, cumpriu os seus obxectivos e deixa en marcha o "Relevo2 Mocidade a bordo".
Na mesa interviñeron María Vales, presidenta do Galp Ría de Arousa, grupo coordinador dos cinco GALP promotores; José Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores; e Rosa Carballo, xerente do GALP Ría de Arousa; alumnado do proxecto dos cinco territorios e a asistencia técnica.
No caso concreto do GALP Golfo Ártabro Sur participou un dos alumnos do territorio para compartir as súa experiencia formativa e vital. Por parte da entidade, ao acto asistiron o secretario, José Garrote, e o xerente, Federico López Viñas.
Comentarios
Publicar un comentario